O BNG anunciou o seu voto en contra no Pleno á modificación urbanística de San Cidre
“Non comparten a necesidade nin a urxencia desta recualificación para levala a cabo como modificación das Normas Subsidiarias mentres se está tramitando o PXOM”
“A solución para San Cidre non é unha urbanización de pisos senón preservar o que aínda queda do núcleo tradicional e evitar cambiar a tipoloxía construtiva por outra con usos mais intensivos allea ao que tradicionalmente o caracterizou”
Bergondo, 21 de maio de 2022.- O BNG anunciou o seu voto en contra no Pleno á modificación urbanística de San Cidre. “Non entendemos a necesidade nin a urxencia que xustifique unha modificación da Normas subsidiarias mentres se está tramitando o novo PXOM. Non hai unha previsión de incremento de poboación en Bergondo que xustifique a necesidade desta modificación para construír unha urbanización e unha área comercial”, explicou o portavoz do BNG, David Carro.
“Se a modificación fose para conseguir solo para unha dotación público para un servizo para a veciñanza como un xeriátrico ou un centro de día público entenderiamos a urxencia mais para recualificar para construír unha urbanización e unha área comercial sinceramente non vemos que urxencia ten, para non poder agardar á aprobación do Plan Xeral”, engadiu Carro.
“Esta modificación condicionaría a ordenación de San Cidre no PXOM en tramitación coa construción dunha área comercial de 2 plantas e máis de 5000 m2 e entre 60 e 65 vivendas, segundo o proxecto fronte as 55 que anunciou o goberno local, en edificios de 2 pisos e baixo na súa maioría, aínda que unha pequena parte sería de baixo máis unha altura”, engadiu Carro. “A proposta do goberno ordena unha superficie de máis de 3,5 hectáreas, nos que se propón vivenda colectiva en altura nun núcleo rural como San Cidre”, indicou.
“A solución para San Cidre non é unha urbanización de pisos senón preservar o que aínda queda do núcleo tradicional e evitar cambiar a tipoloxía construtiva por outra con usos mais intensivos allea ao que tradicionalmente o caracterizou”, explicou o portavoz nacionalista.
“Defendemos que se Bergondo necesita dotarse de nova vivienda o lóxico é que se ordene no PXOM e que se permita construír arredor dos núcleos rurais ou da zona urbana como Guísamo en extensivo, xa que o modelo de urbanizacións só beneficia aos promotores e favorece a especulación, en lugar de favorecer á veciñanza”, indicou o portavoz nacionalista.
“Desde o BNG pensamos que en concellos como Bergondo debemos apostar polo pequeno comercio de proximidade, pola produción propia e a posta en valor dos produtos de calidade e por un desenvolvemento ambientalmente sostíbel, o que se ven demostrando incompatíbel coa instalación de grandes superficies comerciais e hipermercados que teñen unha repercusión directa sobre o pequeno comercio”, concluíu.