O BNG pediu a instalación de barreiras acústicas na AP9 no tramo entre Mariñán e Miodelo
"A veciñanza leva tempo reclamando unha solución a esta problemática con barreiras acústicas ou anti-ruído, que se ben agora son habituais en novas construcións, non o eran cando se executou a AP9"
Bergondo, 21 de xuño de 2022.- O deputado do BNG no Congreso Nestor Rego presentou pediu ao Goberno do Estado que instale algún sistema que mitigue o ruído do tráfico da AP9 que soporta a veciñanza de Mariñán e Miodelo no concello de Bergondo. "A veciñanza leva tempo reclamando unha solución a esta problemática con barreiras acústicas ou anti-ruído, que se ben agora son habituais en novas construcións, non o eran cando se executou a AP9", explicou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que tamén incidiu nos problemas de saúde que poden derivar da exposición directa e continuada a esta grave contaminación acústica.
“Actualmente, as demandas dos veciños e veciñas de Mariñán e Miodelo continúan sen ser atendidas e deben seguir soportando todos os días unha situación que afecta de forma directa á súa calidade de vida sen poder facer nada ao respecto”, engadiu Rego. ”O goberno debe actuar para lograr unha solución”, concluíu.
O BNG trasladou esta petición ás distintas Administracións
"Trasladamos a problemática ao Goberno Local xa fai tempo, recollemos firmas coa veciñanza que trasladamos ao Goberno Local, á Xunta e ao Ministerio, sen que polo momento lle dese solución, algo totalmente incomprensíbel", expuxo o portavoz do BNG de Bergondo, David Carro. "Insistiremos as veces que faga falta para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza, que xa leva moitos anos soportando estes ruídos, cando é algo que ten doada solución", concluíu Carro.