O BNG amosou o seu apoio ás reivindicacións da comunidade educativa do CPI Cruz do Sar
O portavoz nacionalista asistiu a concentración convocada esta maña a modo de protesta ante estes recortes e garantiu o apoio do BNG diante do recorte dun mestre de primaria, así como de pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe
Bergondo, 9 de setembro de 2022.- O BNG de Bergondo amosou o seu apoio ás reivindicacións da comunidade educativa do CPI Cruz do Sar. “A comunidade educativa denuncia o recorte dun profesor de Primaria así como nas especialidades de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe”, explicou o portavoz do BNG, David Carro.
O portavoz nacionalista asistiu a concentración convocada esta maña a modo de protesta ante estes recortes e garantiu o apoio do BNG. "Sempre apostamos por un ensino público e de calidade porque os nenos e nenas de hoxe son o noso futuro. O Cruz do Sar é un centro moi recoñecido na comarca, grazas ao gran traballo que desenvolven dende a dirección, o profesorado, a Anpa e todo o persoal, por iso apoiamos as xustas reivindicacións e puxémonos a súa disposición", indicou Carro.
O BNG recordou que xa ten presentadas iniciativas no Parlamento galego para que a Xunta rectifique esta política de recortes no ensino público. " A Consellería de Educación perpetrou uns recortes brutais por todo o país neste inicio de curso que esta a ser caótico, máis de 700 prazas de profesorado, algo que lamentablemente tamén nos tocou en Bergondo, pero non imos permanecer impasibles", concluíu o voceiro nacionalista.