O BNG presentou unha iniciativa para mellorar a seguridade viaria en Santa Marta
Santa Marta soporta un alto tráfico derivado da entrada a autoestrada AP9, moi utilizada sobre todo polo transporte cara ao polígono industrial
Bergondo, 1 de setembro de 2022.- O BNG presentou unha iniciativa para mellorar a seguridade viaria en Santa Marta. A proposta do grupo nacionalista será debatida no vindeiro Pleno e traslada a preocupación da veciñanza desta parroquia. "Dentro do proceso participativo Ti Contas, desenvolvido en todas as parroquias nos últimos meses, a principal preocupación da veciñanza foi a seguridade viaria. Santa Marta soporta un alto tráfico derivado da entrada a autoestrada AP9, moi utilizada sobre todo polo transporte cara ao polígono industrial", indicou o portavoz nacionalista, David Carro.
Na moción nacionalista instase a dirixirse as diferentes administracións con competencias para estudar a modificación da AC-164 para poder xirar a dereita e que así os vehículos pesados deixen de utilizar os camiños municipais para chegar a entrada da AP9. Tamén se pide a construción dunha senda peonil na CP-0808 dende o local social ata a confluencia coa AC-164 e outra dende este até a nova rotonda de San Cidre. Así como instalar un paso peonil na parada de autobús para poder cruzar con seguridade.
“Facemos estas propostas recollendo o sentir veciñal para mellorar a seguridade viaria na zona que é moi importante para evitar riscos para a nosa veciñanza", concluíu Carro.