O BNG pediu que se rematen o antes posíbel as obras no Campo da Feira de Guísamo
"Estas obras tiñan que estar acabadas en agosto, para o Festival Folk. A día de hoxe, 5 meses despois seguen sen rematar"
Bergondo, 10 de febreiro de 2023.- O BNG de Bergondo preguntou no Pleno polo retraso na finalización das obras de adecuación do Campo da Feira de Guísamo. "Estas obras tiñan que estar acabadas en agosto, para o Festival Folk. A día de hoxe, 5 meses despois seguen sen rematar", indicou o portavoz e candidato do BNG á alcaldía, David Carro.
"Entendemos que toda obra pode ter imprevistos, mais un retraso de 5 meses parécenos excesivo, coas molestias que conleva para o uso e desfrute desta area de esparcemento por parte da veciñanza", indicou o nacionalista.
"Desde o goberno local do PSOE e AV non se deu unha explicación razoábel para xustificar esta demora”, engadiu Carro, “algo que se esta a converter xa en habitual, botar balóns fora", concluíu.