David Carro anima á veciñanza que quere cambio a sumarse ao proxecto do BNG
Mercedes Queixas: “Con David Carro na Alcaldía de Bergondo o concello vai avanzar e desenvolver todas as súas capacidades e mellorar a calidade de vida e benestar de todos os veciños e veciñas”
Bergondo, 13 de novembro de 2022.- O BNG de Bergondo organizou un magosto no local social de Guísamo no que se presentou o seu candidato á alcaldía, David Carro. Na presentación participaron tamén Tania Golpe, do BNG de Bergondo e Mercedes Queixas, deputada do BNG na Parlamento. “Facemos un chamamento á veciñanza que desexa un cambio a sumarse ao proxecto do BNG”, afirmou David Carro.
David Carro anunciou que se presenta como candidato do BNG á Alcaldía para as municipais de 2023, porque entende que Bergondo “ten que aproveitar todas as súas capacidades, rematando con problemas enquistados como o saneamento integral da parroquia de Lubre ou a problemática polo abandono da rectoral de Guisamo”.
“Seremos un goberno que reclame con decisión as inversións que Bergondo necesita, e que nos defendera fronte aos recortes de servizos como o transporte público, ou a falta de pediatra no verán”, engadiu Carro.
Así, fixo un chamamento á participación: “para conseguilo é imprescindíbel a vosa implicación”. “No BNG queremos que todas as parroquias e todas as persoas sexan o eixo ao redor de que se moven todas as políticas municipais”, indicou, “porque son tempos de cambio en chave galega e feminista”. O candidato nacionalista fixo un chamamento a que as veciñas e veciños “se sumen a un proxecto feito dende a base de escoitar a veciñanza e actualizado segundo as súas necesidades, cun equipo preparado e que vai dar moito que falar”.
Momento de cambio político
“Con David Carro na Alcaldía de Bergondo o concello vai avanzar e desenvolver todas as súas capacidades e mellorar a calidade de vida e benestar de todos os veciños e veciñas”, explicou Mercedes Queixas, deputada do BNG, na súa intervención.
“Estamos nun tempo de cambio político no que Bergondo precisa un cambio para coller impulso, definir o seu modelo de concello, un concello integrador, de futuro, con recursos e posibilidades de desenvolvelos”, concluíu Queixas.