O BNG presentou as súas propostas para o orzamento municipal de 2023
"Insistimos nalgunhas demandas xa históricas da veciñanza, como a construción dun local polivalente no Pedrido para clubs deportivos como o de remo, habilitar aparcamentos e renovar a praza e o entorno do centro de saúde en Guísamo, ou unha partida para mantemento do polígono"
Bergondo, a 17 de outubro de 2022.- O BNG de Bergondo presentou unha serie de propostas para o orzamento municipal do vindeiro ano. "Insistimos nalgunhas demandas xa históricas da veciñanza, como a construción dun local polivalente no Pedrido para clubs deportivos como o de remo, habilitar aparcamentos e renovar a praza e o entorno do centro de saúde en Guísamo, ou unha partida para mantemento do polígono", expuxo o portavoz nacionalista David Carro.
"Propoñemos tamén a modificación de ordenanzas que regulan taxas e impostos como a de saneamento, para que o custo de enganche sexa igual para toda a veciñanza ou o ICIO, para bonificar a instalación de placas solares e fomentar este tipo de enerxía limpa contribuíndo dende o concello a paliar a crise enerxética que vivimos. Propoñemos, tamén, rematar de cambiar o alumeado público a LED”, indicou Carro.
Desde o BNG tamén propoñen a realización dunha nova campaña de promoción do comercio e as empresas locais, e outra especifica para hostalería.
"Tamén propomos medias de carácter máis social como o incremento da partida para fomento do emprego, reservar crédito para a posíbel implantación do servizo de xantar na casa. Ademais sería importante recuperar na súa totalidade as actividades culturais e deportivas, que se viron recortadas pola covid e aínda non se ofertaron completas este ano ou a sinalización con pictogramas nos edificios municipais que serven de axuda as persoas con diversidade funcional”, explicou o concelleiro nacionalista.
Por outra parte, propóñense obras máis pequenas pero moi beneficiosas para a veciñanza, como por exemplo, un plan de mellora das marquesiñas de autobús.
"Todas estas propostas deixan claro que o BNG ten un proxecto sólido para Bergondo que agardamos comezar a implantar o vindeiro ano a fronte do Goberno", concluíu o portavoz nacionalista David Carro.