O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento solicitando melloras na liña de bus A Coruña – Betanzos
“Instamos á Xunta a recuperar as condición nas que se viña prestando este servizo antes da última adxudicación derivada do Plan galego de transporte”
Bergondo, 3 de outubro de 2022.- O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento solicitando melloras na liña de bus A Coruña – Betanzos. “Bergondo ao igual que outros concellos da zona ten sufrido unha notábel merma na calidade do servizo de transporte dende a última adxudicación, co consecuente cambio de empresa como responsábel de prestar o mesmo nas liñas correspondentes á Coruña -Betanzos e A Coruña –Ferrol”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.
“As dúas liñas rexistran queixas constantes e recorrentes, polos mesmos motivos (falta de prazas, información nula ou deficiente, frecuencias ...), a pesar de que a Xunta de Galiza anunciou melloras e reforzos en varias ocasións que na práctica non solucionaron a problemática”, engadiu.
“Na liña A Coruña -Betanzos, a veciñanza deixa de usar o servizo por non ter unha referencia clara nas frecuencias que, no entanto, si tiñan con anterioridade, o que afecta sobre todo á poboación de maior idade, que, deste xeito, se podía desprazar, por exemplo, ao centro de saúde, con autonomía, e tamén ás persoas que se desprazan a traballar ao polígono industrial a diario dende outras localidades”, informou o portavoz do BNG de Bergondo, David Carro.
“Ademais, nas paradas non contan con ningún tipo de información e a que facilita a páxina web habilitada a tal efecto non se corresponde coa realidade, chegando nalgún caso a agardar o paso dun autobús durante máis de 45 minutos”, criticou o voceiro nacionalista.
Desprazamentos aos centros de ensino e ao CFEA de Guísamo
“Na mesma liña, utilizada polo estudantado que acode aos institutos a Betanzos, centros de referencia para o alumnado de Bergondo que remata a ESO, o horario dos autobuses non está acorde ás súas necesidades, como si estaba no pasado, tendo que agardar ata unha hora ás portas do centro ata que este abre, á intemperie no inverno, ou chegar tarde á clase a cotío, incumprindo as normas de centro. Consecuentemente, a problemática afecta tamén á conciliación da vida laboral e familiar, xa que os proxenitores se ven obrigados a ter que levalos no coche particular”, explicou o portavoz do BNG, David Carro.
“O mesmo pasa co alumnado que cursa os ciclos formativos no CFEA de Guísamo que provén doutras localidades. Vense obrigados a utilizar o coche particular ao non ter horarios acordes, coa problemática derivada da falta de espazo na zona para aparcar a cantidade de vehículos diarios que acoden ao centro”, engadiu Carro.
“Asemade, estanse a dar casos nos que nalgunhas viaxes, sobre todo no horario de mediodía, coincidindo co remate das clases principalmente, quedan persoas sen poder viaxar por falta de prazas; nas últimas ocasións, temos constancia de quedar en terra ata 14 persoas. Cónstanos tamén que nalgunha ocasión se ten requirido a presenza”, concluíu.
Desde o BNG denunciaron tamén que no tocante á liña A Coruña -Ferrol que pasa polo municipio de Bergondo, a problemática reside fundamentalmente no estudantado que acode á universidade, á cidade departamental, quen, para regresar á súa casa rematadas as clases da maña, teñen que agardar, nalgún caso, ata tres horas, para ter un autobús que os traia de volta.
“Instamos á Xunta a recuperar as condición nas que se viña prestando este servizo antes da última adxudicación derivada do Plan galego de transporte”, concluíu Queixas.