O BNG pediu que os orzamentos da Xunta aumenten o investimento en Bergondo
David Carro: “As emendas do BNG recollen propostas amplamente demandadas como a construción dunha nova escola infantil nas inmediacións do polígono industrial, ou a mellora na depuración para evitar as inundacións no polígono dunha vez por todas e non ter as empresas en vilo cando chove”
Bergondo, 6 de decembro de 2022.- O BNG presentou emendas aos orzamentos da Xunta para que esta incremente o investimento en Bergondo, nalgún caso no que son demandas históricas, e outras novas necesidades detectadas no municipio.
"Reafirmámonos na necesidade de rematar o saneamento da Ría de Betanzos, polo que conleva na creación de riqueza e emprego para o Pedrido, mais tamén o que é máis importante, dende o aspecto ambiental, esquecido polos sucesivos gobernos", indicou o portavoz nacionalista David Carro.
"Ademais, as emendas do BNG recollen propostas amplamente demandadas como a construción dunha nova escola infantil nas inmediacións do polígono industrial, ou a mellora na depuración para evitar as inundacións no polígono dunha vez por todas e non ter as empresas en vilo cando chove", expuxo Carro.
A formación nacionalista tamén centrou as súas propostas na seguridade viaria, "na AC161 o estado do firme é bastante deficiente, ademais, a veciñanza de Carrio reclama melloras nos pasos de peóns para cruzar con seguridade, tendo en conta a velocidade a que circulan os vehículos na baixada, e a proximidade da escola unitaria".
"Na AC-164 é necesaria a construción dunha senda peonil para poder completar o traxecto con seguridade, ademais de pasos de peóns regulados en Santa Marta e Fiobre, onde xa se produciu algún atropelo", explicou o voceiro do BNG.
Por outra parte, insistimos na falta de persoal de apoio no CPI Cruz do Sar, así como na falta de pediatra que cubra as vacacións da persoa titular e solicitamos fondos para a súa cobertura. "Propostas para seguir a senda do cambio tranquilo pero decidido que representa o BNG e que Bergondo necesita", concluíu Carro.