O BNG presentou as súas achegas ao PXOM na fase de preparación para a súa aprobación inicial
David Carro: “non compartimos o modelo de urbanizacións como a da Longueira, como lle trasladamos novamente ao goberno local, para que non quede ningunha dúbida"
Nas súas propostas, o BNG insiste en preservar o núcleo tradicional de San Cidre e non cambiar a tipoloxía de vivenda para construír en altura
Bergondo, 22 de febreiro de 2023.- O BNG de Bergondo presentou as súas achegas a elaboración do PXOM na súa fase de preparación para aprobación inicial, nas que inciden en vellas demandas da formación nacionalista. "É fundamental completar os núcleos existentes, con parcelas intermedias valeiras. Ademais, non compartimos o modelo de urbanizacións como a da Longueira, como lle trasladamos novamente ao goberno local, para que non quede ningunha dúbida", indicou o portavoz do BNG. e candidato a alcaldía, David Carro.
"A reserva de espazos para equipamentos necesarios, novos ou ampliación dos existentes, como creación de aparcamentos, centro de día, centro de actividades náuticas é fundamental se prevemos un incremento da poboación”, engadiu o voceiro nacionalista. “Pensamos que é fundamental preservar zonas verdes como o alto de Santa Marta, as ribeiras dos ríos, ou a franxa costeira ", expuxo Carro.
Nas súas propostas, o BNG insiste en preservar o núcleo tradicional de San Cidre e non cambiar a tipoloxía de vivenda para construír en altura, considerando como zona idónea para este tipo Guísamo, a única zona cen por cen urbana. Ademais, proponse a ordenación do Pedrido para solucionar o problema de falta de aparcamento e as molestias que conleva para a veciñanza, e a busqueda de alternativas para unha mobilidade segura e sostíbel.
No aspecto industrial, dende a formación nacionalista apostan pola ampliación do polígono industrial. "Para evitar molestias á veciñanza, pero tamén buscando a operatividade para as empresas, entendemos que se debe ampliar o polígono industrial, en lugar de espallar naves por todo o concello, como se pretende coa modificación puntual de Obra de Paño", concluíu o voceiro do BNG.