O BNG congratulase da posible paralización da urbanización da Longueira
Bergondo, 10 de decembro de 2013. O BNG acolleu con moderada satisfacción o informe desfavorábel da Xunta á polémica macrourbanización da Longueira. Como xa advertimos desde hai tempo a macrourbanización prevista de 850 vivendas incumpre o Plan de Ordenación do Litoral (POL) en varios aspectos, entre eles a execución de crecementos aillados, explican os nacionalistas bergondeses.
Como sería a cousa de escandalosa que até a Xunta que legaliza as irregularidades de Barreiros considera que o proxecto excede os límites de sostenibilidade previstos na Lei?, engaden desde o BNG.
Os nacionalistas, que analizarán a fondo o informe desfavorábel, sosteñen que aínda é cedo para entender que o proxecto queda aparcado. Agora resta por saber o futuro que lle agarda á depuradora na praia de Gandarío, insisten desde o BNG, que aseguran que está bastante claro que construír unha depuradora aí responde a intereses que nada teñen que ver co estado lamentábel en que se atopa a ría de Betanzos, asegura.
Até onde sabemos, o informe da Xunta abre a porta a modificar o proxecto para que a macrourbanización vaia para adiante. O PP de Núñez Feijóo ten que dicir ás claras se aposta por conservar a ría e crear riqueza e emprego en torno a ela ou se prefire condenar a Bergondo a ser o novo Barreiros
Desde o BNG cuestionan o modelo urbanístico que comparten PP e PSOE arredor da ría de Betanzos, estragando espazos naturais e alterando sen solución a costa para beneficiar os intereses especulativos. PSOE e PP en Bergondo alentaron esta aberración e vendo como o PP non abandona a macrourbanización de Monte Piñeiro en Miño, aínda é cedo para crer que vaian abandonar este proxecto, insisten.
O pasado mes de setembro, o BNG reclamou á Xunta que paralizase inmediatamente os trámites para autorizar a macrourbanización da Longueira por medio dunha batería de iniciativas parlamentarias. Até onde sabemos, o informe da Xunta abre a porta a modificar o proxecto para que a macrourbanización vaia para adiante indican desde o BNG, insistindo en que o PP de Núñez Feijóo ten que dicir ás claras se aposta por conservar a ría e crear riqueza e emprego en torno a ela ou se prefire condenar a Bergondo a ser o novo Barreiros, conclúen.