O BNG pide investimentos en emprego e benestar social nas súas alegacións aos orzamento de Coirós
Coirós, 17 de decembro de 2013. O BNG presentou as súas alegacións aos orzamentos municipais, aprobados inicialmente só co voto do PP.
A portavoz nacionalista, Pura Ferreño, explicou que o orzamento incumpre as previsións da Lei de Subvencións, que establece que as subvencións serán adxudicadas por regra xeral mediante procedementos de concorrencia competitiva e que o Concello deberá establecer un plano estratéxico de subvencións, cousa que o goberno do PP en Coirós leva anos incumprindo. O orzamento prevé 11 100 euros para subvencións nominativas é dicir a dedo así que é evidente que a regra xeral empregada é o que a Lei prevé como excepcional. Semella que o único criterio é entregar cartos públicos de xeito arbitrario para comprar vontades, censurou a voceira nacionalista.
Mención aparte merece que se consignen 6000 euros para subvencións nominativas a repartir única e exclusivamente baixo o criterio e vontade do alcalde, criticou a voceira do BNG. Isto confronta con todas as previsións e garantías legais sobre os criterios de reparto de axudas públicas e supón un caso grave de utilización de fondos públicos para facer clientelismo político.
Nun orzamento de 1 223 430 , que 1 166 390 sexan gasto corrente, é dicir o 56,859% do orzamento sexa para gasto corrente coa que está caendo non ten defensa posíbel: nin políticas de emprego, nin investimentos para mellorar ou ampliar servizos obrigatorios para o concello (traída, saneamento) nin para maior benestar, indicou Pura Ferreño, pola contra, os investimentos fican reducidos a 47 020 que representan un escuálido 3,843% que sería a parte que ten que pagar o concello do Plan de Obras e Servizos da Deputación. É lamentábel que un concello que presume de ter superávit todos os anos teña por todo investimento só o POS da Deputación.
Ferreño: Parécenos lamentábel que se reserven 6000 euros para repartir única e exclusivamente baixo o criterio e vontade do alcalde
Os nacionalistas exixen ademais nas súas alegacións maior transparencia na redación de documentos onde se reflexa a que se van dedicar os cartos de todos e todas. É imposíbel saber en que se gastan os cartos públicos cando as partidas mais importantes son as que se denominan outros gastos ou outros subministros. É un orzamento opaco á medida do goberno, que cumpre polos pelos as previsións legais en canto ao contido mínimo dos conceptos consignados, concluiu a voceira do BNG.