O BNG exixe a dimisión do goberno de Miño logo de outra sentenza contra o concello
Miño, 8 de decembro de 2013. O BNG exixiu ao PP de Miño que asuma a súa responsabilidade diante da nova sentenza que anula a concesión a FADESA da urbanización Costa Miño Golf.
O goberno local do PP terá que dar explicacións á veciñanza das implicacións desta nova sentenza que anula de novo a concesión a FADESA da urbanización Costa Miño Golf, reclamaron os nacionalistas, a situación do Concello de Miño agrávase cada día mais por culpa da irresponsabilidade dos sucesivos gobernos locais do Partido Popular que en lugar de buscarlle unha solución ao desastre que foi esta urbanización desde o principio optaron por seguir preiteando con cartos públicos contra os propios veciños e veciñas.
Desde o BNG insisten en que a fiscalía debe actuar contra os responsábeis desta desastrosa xestión urbanística, que só buscaba enriquecer a uns poucos a costa primeiro dos expropiados pero tamén de todos os veciños e veciñas, como xa exiximos diante das anteriores sentenzas. O alcalde, o goberno local e o PP deben asumir a súa responsabilidade en todo este asunto e irse para casa, insisten.
Parécenos vergoñante que se sigan malgastando cartos públicos en recursos xudiciais en lugar de buscar unha solución a esta situación que xa leva mais de 11 anos hipotecando o concello
Esperamos que o goberno local busque unha solución para este desastre para o concello e para os afectados e afectadas polas expropiacións e que non continúe recurrindo as diferentes sentenzas con cartos de todos e todas, indicaron desde o BNG, parécenos vergoñante que se sigan malgastando cartos públicos en recursos xudiciais en lugar de buscar unha solución a esta situación que xa leva mais de 11 anos hipotecando o concello.
Os nacionalistas recordaron que teñen presentada unha iniciativa no Parlamento para que o goberno do Partido Popular na Xunta obrigue ao goberno local a dar unha solución aos afectados e afectadas.