O BNG reclama a Xunta que paralice a macrourbanización da Longueira
As Mariñas, 25 de setembro de 2013. O BNG reclama á Xunta que paralice inmediatamente os trámites para autorizar a macrourbanización da Longueira, en Bergondo, que solicitou o goberno local de PSOE e Veciños de Bergondo (VB). É evidente para todos que o modelo urbanístico das macrourbanizacións está agotado, a taxa de vivenda baleira nos concellos da comarca o deixa bastante claro pero PSOE e VB non se queren enterar, denunciou a responsábel comarcal do BNG das Mariñas, Cristina López.
Agora entendemos moito máis a necesidade urxente de ubicar unha depuradora na praia de Gandarío, engadiu. Queda bastante claro que construír unha depuradora responde a intereses que nada teñen que ver co estado lamentábel en que se atopa a ría de Betanzos, asegura.
Desde o BNG cuestionan o modelo urbanístico que comparten PP e PSOE arredor da ría de Betanzos, estragando espazos naturais e alterando sen solución a costa para beneficiar os intereses especulativos.
Parece mentira que tendo o exemplo das consecuencias desta política urbanística xusto enfronte, en Miño, o goberno de Bergondo queira trasladarllas á súa veciñanza, lamentan. Os nacionalistas recordan que o Concello de Miño está condeado a asumir 21 millóns das expropiacións de Fadesa por Costa Miño Golf e aínda así pretende desenvolver outra macrourbanización en Monte Piñeiro coa complicidade da Xunta.
É curioso que o mesmo PSOE que critica estas actuacións en Miño as promova en Bergondo ironizan desde o BNG. Aínda non se deron conta da situación económica que vivimos e pretenden construír vivendas para venderllas a non se sabe quen, engaden.
Os nacionalistas farán pública mañá a súa alternativa á ubicación da depuradora en Gandario
Ademais, os nacionalistas advirten de que logo de construír estas macrourbanizacións, e aínda que non se vendan, os concellos teñen que asumir o mantemento dos seus servizos a costa dos cartos públicos. Parécenos vergoñento escoitar aos alcaldes destes concellos na prensa dicindo que non teñen cartos para servizos mentres promoven estes macroproxectos que teñen un forte impacto nos orzamentos municipais, conclúen.
Alternativas á depuradora en Gandario
Mañá ás 12:00 da maña no local do BNG en Betanzos os nacionalistas ofrecerán nunha comparecencia de prensa a súa alternativa á ubicación da depuradora en Gandario.