O BNG reclama ao Parlamento galego a paralización da macrourbanización de Monte Piñeiro
Miño, 21 de setembro de 2013. O BNG presentou varias iniciativas no Parlamento galego para exixir a paralización da urbanización de Monte Piñeiro. Os nacionalistas xa presentaran unha iniciativa neste mesmo sentido en xaneiro de 2011. Esta urbanización estivo paralizada nos últimos sete anos, mais recentemente o alcalde de Miño ten anunciado a reactivación deste proxecto, indicando que están en contactos coa Xunta de Galiza para iniciar canto antes os traballos, explicaron desde o BNG de Miño.
O BNG, tanto no concello, como a nivel Parlamentar, ten reclamado a paralización deste proxecto, non só polas razóns expostas, senón por considerar que non se está cumprindo a lei de costas, explicaron, xa que incumpre a prohibición de construír a menos de 500 metros da liña de costa.
A macrourbanización de Monte Piñeiro, que prevé construír 759 novas vivendas nunha zona de alto valor ecolóxico, afectando a marisma de Baxoi e atopase próximo ao LIC do Mandeo en Betanzos, indican os nacionalistas. Esta é a urbanización de maior edificabilidade e densidade de todos os sectores de solo urbanizábel delimitados no PXOM, así como o de maior altura das edificacións e situase toda ela a menos de 500 metros da liña de costa.
O BNG, tanto no concello, como a nivel Parlamentar, ten reclamado a paralización deste proxecto por considerar que non se está cumprindo a lei de costas, xa que se pretende construír a menos de 500 metros da liña de costa
O concello de Miño é un exemplo claro dun urbanismo ao servizo das promotoras, que ten recibido numerosas sentenzas que indicaron a ilegalidade nas decisións adoptadas polos órganos de goberno e que destrozaron un concello costeiro coma o noso, criticaron os nacionalistas.
Este modelo urbanístico non é sustentábel e acaba repercutindo negativamente na calidade de vida da veciñanza, provoca un incremento artificial do prezo da vivenda e o medio natural vese fortemente afectado. Porén, na vez de rectificar esta política, o actual goberno municipal, coa conivencia da Xunta de Galiza, pretende seguir adiante con esta política especulativa, depredadora do territorio e ao servizo de intereses privados, concluiron.
Por todo isto, o BNG exixiu á xunta de Galiza que revise o planeamento urbanístico en Monte para axustalo á lexislación vixente de protección da costa e que suspenda no entanto a súa vixencia.