O BNG reclamou na Deputación melloras na seguridade viaria na DP-0811 ao seu paso por Bergondo
Bergondo, 16 de setembro de 2013. O BNG solicitou á Deputación que actúe para mellorar a seguridade viaria na estrada provincial DP 0811, ao seu paso por Bergondo.
A estrada provincial DP 0811 é unha infraestrutura que vai por zonas bastantes poboadas, entre o núcleo do Espírito Santo e Lubre, mais non existe ningún tipo de seguranza viaria a pesares da intensidade de tráfico e do paso constante de peóns tanto paseando como pola necesidade de chegar até a parada do bus, sen que exista a posibilidade de ningún itinerario alternativo, explicaron os nacionalistas. A maiores, a día de hoxe a maleza invade as cunetas porque aínda non se fixo, segundo nos informa a veciñanza, a conservación contratada pola Deputación.
Nos últimos tempos a situación a respecto da seguridade aínda se agravou máis. Na zona había unhas naves abandonadas desde había anos que por fortuna e a pesares da situación económica recuperaron a actividade polo que o paso de vehículos particulares e de camións incrementouse, indicaron desde o BNG. Todo isto agrava aínda máis un problema que xa existía.
Unha posíbel solución é a canalización dos pluviais, deste xeito tería un sobreancho que permitiría camiñar de xeito bastante máis seguro.
Desde o BNG reclamáronlle ao PP na Deputación que estude unha posíbel reforma da estrada DP 0811 para adaptala tanto ao aumento da circulación como ao constante paso de peóns. Entendemos que podería procederse a facer unha pequena ampliación que permitise mellorar substancialmente a seguranza na zona, indicaron, unha posíbel solución é a canalización dos pluviais, deste xeito tería un sobreancho que permitiría camiñar de xeito bastante máis seguro.
A zona máis afectada e en que o BNG pediu que se actúe de xeito urxente é desde a N-VI até a última casa que hai habitada na zona. Entendemos que é unha obra posíbel e rápida aínda que desde logo non impediría para que se seguise traballando nun proxecto de seguranza maior, concluíron.