O BNG propón o saneamento descentralizado como alternativa á EDAR de Gandarío
Bergondo, 26 de setembro de 2013. O BNG presentou a súa alternativa á construción da depuradora en Gandarío esta mañá. Os nacionalistas avogan por un sistema de saneamento descentralizado para os núcleos rurais que combine as fosas sépticas cun sistema de depurado en balsas biolóxicas con plantas que transformen as augas residuais en aptas para regadío e uso recreativo.
Os nacionalistas cuestionaron novamente a teima do goberno galego do PP e o goberno local do PSOE en instalar a depuradora a carón da praia de Gandarío, algo que relacionan directamente coa nova tentativa do goberno local de PSOE e Veciños de Bergondo (VB) para reactivar a macrourbanización da Longueira. Parece mentira que tendo o exemplo de Miño enfronte, onde unha macrourbanización crebou o Concello o goberno local pretenda facer o mesmo, indicou David Carro, do BNG de Bergondo.
Os nacionalistas cuestionan que o mesmo PSOE que critica a política urbanística do PP en Miño sexa quen promove a macrourbanización da Longueira en Bergondo. Debe ser que non se coordinan moito entre un lado e outro da ría, ironizou Carro.
Ademais de ser máis eficiente, o custe de construción deste tipo de balsas é só o 80% do que custa unha depuradora convencional e o seu custo de funcionamento só supón o 20% do que precisan estas.
Pola súa banda, Ana Pontón, voceira de medio ambiente do BNG no Parlamento de Galiza, insistiu na necesidade de que a Xunta paralice o proceso de construción da depuradora de Gandarío e se estuden alternativas que teñan o menor impacto ambiental e social posíbel, para completar a depuración de augas residuais no concello de Bergondo.
Defendemos a necesidade de depurar as augas residuais e sanear as nosas rías, mais este proceso debe facerse con garantías e evitando danos e problemas futuros, indicou a parlamentar do BNG. Temos moitos exemplos de depuradoras mal feitas, mal emprazadas, que lonxe de seren solución para o problema, acaban converténdose nun foco de contaminación, asegura.
Manuel Soto, profesor da Universidade da Coruña e experto en saneamento e tratamento de residuos, explicou a alternativa que defenden os nacionalistas. O BNG propón como alternativa un sistema de saneamento descentralizado para os núcleos rurais que combine as fosas sépticas cun sistema de depurado en balsas biolóxicas con plantas que transformen as augas residuais.
Para Soto, membro da comisión de medio ambiente do BNG, este tipo de sistemas están á vangarda no tratamento de augas residuais e son máis eficientes que as tradicionais depuradoras. De feito, insistiu en que o custe de construción deste tipo de balsas é só o 80% do que custa unha depuradora convencional e o seu custo de funcionamento só supón o 20% do que precisan estas. Este aforro en factura eléctrica tamén é positivo para o medio, recordou.