O BNG presentou unha iniciativa para pedir que a Xunta rehabilite o edificio do antigo LIGAL

Mercedes Queixas con David Carro e outros membros do BNG de Bergondo diante do edificio do antigo LIGAL

“A recuperación do antigo edificio do LIGAL permitiría axudar ás persoas que queiran comezar a súa actividade como pequena empresa ou autónomos a través da creación dun viveiro de empresas. Proxecto que se vería complementado con un centro de transformación da produción agropecuaria, servizo do que carece completamente a comarca das Mariñas e arredores”

O BNG presentou unha iniciativa para pedir que a Xunta rehabilite o edificio do antigo LIGAL

Bergondo, 8 de marzo de 2023.- O BNG presentou unha iniciativa para pedir que a Xunta rehabilite o edificio do antigo LIGAL, en Bos, para poñer en funcionamento un centro de transformación de produtos agrarios comarcal e un viveiro de empresas. A deputada do BNG, Mercedes Queixas, trasladouse a Guísamo para visitar este edificio e explicar a proposta do grupo nacionalista. 

“No ano 2009 o LIGAL trasladou a súa actividade a Mabegondo quedando abandonada a súa anterior sede, localizada na parroquia de Bos, no concello de Bergondo. O peche destas instalacións condenou este inmoble ao deterioro derivado da inacción da Xunta de Galiza, titular do edificio, que do único que foi capaz foi de anunciar a cesión de uso ao Consorcio das Mariñas no ano 2015, que nunca chegou a materializarse”, explicou Mercedes Queixas. 

“O inmoble do antigo LIGAL presenta riscos derivados da falta de mantemento e vandalismo continuado que se agravan co paso do tempo, mais o seu tamaño e a súa privilexiada localización, próximo ao enlace da AP-9 en Guísamo e Sta. Marta de Babío, encadrado entre a N-VI e o polígono industrial de Bergondo, fan que este complexo teña unhas enormes potencialidades”, engadiu Queixas. 

“A recuperación do antigo edificio do LIGAL permitiría axudar ás persoas que queiran comezar a súa actividade como pequena empresa ou autónomos a través da creación dun viveiro de empresas. Proxecto que se vería complementado con un centro de transformación da produción agropecuaria, servizo do que carece completamente a comarca das Mariñas e arredores”, informou a deputada nacionalista. “Este centro axudaría aos produtores de horta, carne ou lácteos, a dar valor engadido aos seus produtos, e polo tanto, tamén na comercialización e contribuiría a manter e crear emprego vinculado ao sector primario, axudando a fixar poboación na comarca”, concluíu

Iniciativa aprobada por unanimidade no Pleno

No mes de xaneiro do 2020, o pleno da corporación municipal de Bergondo aprobou por unanimidade unha iniciativa que instaba ao goberno galego a asumir as súas competencias en relación con este inmoble no que se situaba o antigo LIGAL. “O Pleno acordou demandar á Xunta que tome medidas para a conservación e seguridade, e  que proceda á súa rehabilitación integral para o  posterior uso e habilitación como un viveiro de empresas e centro de transformación agropecuaria”, explicou o portavoz do BNG e candidato á alcaldía, David Carro. “Unha vez realizadas todas estas actuacións, cedelo a unha entidade comarcal xestora, como por exemplo o GDR Mariñas-Betanzos”, concluíu Carro. 

O BNG presentou unha iniciativa para pedir que a Xunta rehabilite o edificio do antigo LIGAL