O BNG instou a Deputación á mellora na seguridade viaria na estrada DP0810 ao seu paso polo punto negro de San Paio, en Guísamo
“Instamos a Deputación da Coruña a dar os pasos necesarios para retranquear o muro movendo este pedra a pedra para ter a dispoñibilidade dos terreos necesarios para a ampliación da vía, se é necesario”
Bergondo, 23 de marzo de 2023.- O BNG de Bergondo instou a Deputación da Coruña a mover ficha a respecto da mellora na seguridade viaria na estrada DP0810 ao seu paso polo punto negro de San Paio, en Guísamo, que leva anos á espera dunha solución.
"Sabemos das dificultades que conleva realizar calquera obra nesta zona, polas dificultades que impón un dos veciños, que só pensa nos seus intereses particulares, sen ter en conta a integridade do resto da veciñanza e das persoas usuarias da vía", indicou o portavoz nacionalista e candidato a alcaldía David Carro.
"Conseguir melloras nesta zona é algo de máxima prioridade, por iso damos un paso máis, despois de todo o que se leva traballado a carón da veciñanza, intentando atopar solucións", expuxo Carro, que en días pasados visitou unha vez máis a zona acompañado de militantes e simpatizantes do BNG.
"Instamos a Deputación da Coruña a dar os pasos necesarios para retranquear o muro movendo este pedra a pedra para ter a dispoñibilidade dos terreos necesarios para a ampliación da vía, se é necesario. Hai casos próximos e de maior complicación onde así se fixo, con este mesmo sistema, aínda tratándose de bens protexidos, como o traslado do Pazo dos Vales, con motivo da ampliación do aeroporto de Alvedro. "Se se moveu un pazo porque non se vai poder mover un muro?”, engadiu o candidato do BNG á alcaldía.
"Bergondo merece máis, Guísamo merece máis. Diante a inacción do goberno local do PSOE e Alternativa que unicamente se limitan a solicitar melloras, o BNG pon propostas enriba da mesa para mellorar a vida da veciñanza”, concluíu Carro.