O BNG pediu que se informe á veciñanza sobre o proxecto de reordenación de accesos á N-VI en Cortiñán
David Carro: “A veciñanza trasladounos o seu malestar pola falta de información por iso solicitamos que o goberno local e a Demarcación de estradas se reúnan coa veciñanza e que amplíen o prazo presentación de alegacións, de ser necesario”.
Bergondo, 28 de marzo de 2023.- O BNG pediu ao Goberno Local de PSOE-AV unha xuntanza informativa entre o Concello, Demarcación de Estradas, e a veciñanza de Cortiñán afectada polo proxecto de reordenación de accesos na estrada N-VI. “A veciñanza trasladounos o seu malestar pola falta de información por iso solicitamos que o goberno local e a Demarcación de estradas se reúnan coa veciñanza así como a que amplíen o prazo presentación de alegacións, de ser necesario”, explicou o candidato á alcaldía do BNG, David Carro.
“A veciñanza non se opón a estas obras, longamente esperadas, pero si se queixan da falta de información e defenden poder introducir melloras no proxecto para reducir afectacións", engadiu Carro. "Nalgún caso, estas obras provocarán que a veciñanza non poida acceder as súas vivendas como até agora, tendo que dar un rodeo que non se entende", expuxo Carro.
"Lamentamos que o goberno Local non aproveitase a visita da Subdelegada do Goberno para presentar o proxecto, para explicalo de primeira man á veciñanza e que esta achegara as súas propostas. As persoas que están alí a diario son as que saben mellor que ninguén as necesidades da zona", sinalou o candidato nacionalista.
"Cortiñán e o resto do concello de Bergondo merecen un Goberno máis próximo ás veciñas e veciños, que conte coa súa participación no deseño dos proxectos, para evitar malentendidos e facelos máis dinámicos e resolutivos", concluíu.