O BNG apoia as demandas dos clubs deportivos dun local na praia do Pedrido
David Carro: “Desde empezos do actual mandato fixemos propostas para financiar con fondos do GALP Golfo Ártabro Norte estas obras e presentamos a proposta nos orzamentos anuais, sen que o goberno reservara crédito para esta obra”
Néstor Rego reclama axilizar os trámites necesarios para levar a cabo a construción do local, unha instalación adecuada que “permita traballar dignamente a aquelas persoas e entidades dedicadas ao adestramento, así como promocionar a práctica do deporte entre os máis novos”.
Bergondo, 29 de marzo de 2023.- O BNG reúnese co club de remo deportivo do Mandeo e trasládalle o seu apoio ás súas demandas dun recinto para gardar o seu material na praia do Pedrido. “Trasladamos as necesidades destes clubs deportivos tanto ao Pleno municipal como ao Congreso, por tratarse dunha zona que depende de Costas”, explicou o candidato do BNG á alcaldía, David Carro.
“Desde empezos do actual mandato fixemos propostas para financiar con fondos do GALP Golfo Ártabro Norte estas obras e presentamos a proposta nos orzamentos anuais, sen que o goberno reservara crédito para estas obras”, engadiu Carro.
"Cada vez temos no noso concello máis clubs e iniciativas relacionadas con disciplinas náuticas como o remo ou o surf, en parte grazas ás condicións inmellorables para estes deportes de, por exemplo, a zona do Pedrido, e debemos apoialas na medida do posíbel" indicou Carro. "Entidades como o Club de Remo Olímpico do Mandeo, cun amplo medalleiro nacional e internacional, que fan unha gran labor social, deportiva, e de promoción do noso municipio, merecen contar cunhas instalacións axeitadas”, concluíu o candidato do BNG.
Iniciativas no Congreso
“Rexistramos iniciativas no Congreso para coñecer a disposición da Dirección Xeral da Costa e o Mar para autorizar a construción da instalación para uso principalmente deportivo nestes terreos na zona do Pedrido, conscientes da situación pola que atravesan as distintas entidades que levan moito tempo intentando negociar coas administracións competentes” lembra o deputado do BNG no Congreso.
Neste sentido, Néstor Rego reclama axilizar os trámites necesarios para levar a cabo a construción do local, unha instalación adecuada que “permita traballar dignamente a aquelas persoas e entidades dedicadas ao adestramento, así como promocionar a práctica do deporte entre os máis novos”.