O BNG interesouse no último pleno polas sancións anunciadas polo Goberno Local a Xunta e ao Arzobispado polo edificio do LIGAL e a reitoral de Guísamo
"A resposta por parte da alcaldía desvelou un novo desencontro entre os socios de goberno PSOE-Alternativa, a existencia de dous gobernos paralelos, ou un xogo de ser goberno e oposición ao mesmo tempo, xa que ao parecer nin hai sanción nin se prevé"
Bergondo, 4 de abril de 2023.- O BNG interesouse no último pleno polas sancións anunciadas polo Goberno Local a Xunta e ao Arzobispado polas construcións da súa propiedade en estado de abandono, como o LIGAL ou a reitoral de Guísamo.
"A resposta por parte da alcaldía desvelou un novo desencontro entre os socios de goberno PSOE-Alternativa, a existencia de dous gobernos paralelos, ou un xogo de ser goberno e oposición ao mesmo tempo, xa que ao parecer nin hai sanción nin se prevé", indicou o portavoz nacionalista e candidato a alcaldía David Carro.
"Pero o que é peor, por parte de alcaldía tamén se desvelou que leva tres anos a espera dun informe do departamento de urbanismo, responsabilidade do seu socio de goberno, para retomar as conversas co Arzobispado e conseguir negociar unha cesión da reitoral de Guísamo. A restauración desta construción é a mellor homenaxe que se pode facer ao falecido señor Verdía, moi querido por toda a parroquia, pero parece que priman outros intereses antes que isto, ou a seguridade e integridade das persoas", expuxo Carro.
"Ao igual que co LIGAL, levamos toda a lexislatura insistindo, en innumerables ocasións, algo que xa viñamos advertindo con anterioride, na importancia de tomar medidas con esta construción, en moi mal estado, a carón dun área de ocio moi concorrida por nenos e nenas de curta idade, que se desmorona máis cada inverno que pasa por ela. Levan toda a lexislatura dando largas, e agora, a remate da mesma enterámonos desta desavenencia que ten paralizado un trámite tan importante como este. Alguén debe dar explicacións, isto non é de recibo nin o que merece a nosa veciñanza", indicou o voceiro do BNG.
"Bergondo merece un goberno serio, responsábel, centrado en resolver as problemáticas e conseguir avances para o noso concello e non perder o tempo en leas internas que en nada benefician a nosa veciñanza. Bergondo merece un cambio tranquilo pero decidido, como o que representa o BNG, o único garante dun cambio en positivo se os veciños e veciñas así o deciden", concluíu Carro.