O BNG de Miño mostra a súa preocupación polo novo anuncio da conexión da AP-9

Alberte G. Nicolás é o voceiro do BNG de Miño
Alberte G. Nicolás é o candidato do BNG á alcaldía de Miño

O BNG presentará unha iniciativa no Congreso a través do seu deputado Néstor Rego, para coñecer os detalles do proxecto e propoñer posíbeis modificacións que axuden a conservar o medio natural.

O BNG de Miño mostra a súa preocupación polo novo anuncio da conexión da AP-9

Miño, 5 de abril de 2023.- O BNG de Miño ve con moita preocupación o anuncio da nova conexión da AP9 e a N-651 por parte do alcalde de Miño, Vazquez Faraldo, e o xa ex-delegado do goberno do Estado, Miñones Conde, ao manter o carril adicional no ramal que conecta coa praia. 

Segundo o candidato á alcaldía,  Alberte G. Nicolás,  “o pasado mes de outubro o alcalde, Vázquez Faraldo, opúxose frontalmente ao proxecto anunciado polo Estado e agora, cunhas eleccións municipais á vista, presenta publicamente ese mesmo proxecto como un gran avance”

“Atopámonos cun acto puramente propagandístico, ao primar os intereses partidistas sobre o interese xeral da veciñanza de Miño e o seu medio natural”, sinalou o candidato nacionalista, Alberte G. Nicolás, “non debemos esquecer que o goberno municipal se posicionou en contra deste mesmo proxecto o outubro pasado por considerar que un terceiro carril na saída da Praia Grande suporía unha importante afectación á Marisma do Baxoi”, concluíu.

“O certo é que rematamos este mandato e o goberno municipal do PSOE, que dicía centrar os seus esforzos en protexer os nosos ecosistemas, foi incapaz de ampliar un só metro cadrado de zonas protexidas. Isto é algo que debe mudar a partir do 28 de maio e será da man do BNG”, aseverou Alberte G. Nicolás.

A formación nacionalista puntualizou que, de levar a cabo este proxecto xunto co de urbanización de Monte Piñeiro, “pasaríamos dos dous carrís actuais do ramal da AP9 a tres carrís da AP9 e dous carrís de acceso a nova urbanización”. 

O BNG pedirá explicacións tanto no Concello como no Congreso

O BNG presentará unha iniciativa no Congreso a través do seu deputado Néstor Rego, para coñecer os detalles do proxecto e propoñer posíbeis modificacións que axuden a conservar o medio natural.

Por outra banda, o BNG de Miño pedirá ao Concello que faga públicas as alegacións que realizou a este proxecto e que informe ao conxunto da veciñanza do que recolle finalmente este plan.

O BNG de Miño mostra a súa preocupación polo novo anuncio da conexión da AP-9