O BNG reclama melloras na seguridade viaria en Bañobre
O BNG de Miño solicita unha pronta actuación do goberno municipal en Bañobre para garantir a seguridade viaria, calmar o tráfico e promover unha mobilidade máis amábel para as viandantes
Miño, 13 de decembro de 2022.- O BNG de Miño solicita unha pronta actuación do goberno municipal en Bañobre para garantir a seguridade viaria, calmar o tráfico e promover unha mobilidade máis amábel para o peón.
“Logo de escoitar as queixas da veciñanza, pensamos que é urxente poñer o foco na estrada que atravesa Bañobre e conecta a N-VI ca Praia Grande, xa que hai vehículos que pasan a gran velocidade e non só poñen en perigo aos peóns, senón tamén aumentan as posibilidades de colisión con outros vehículos”, sinalou Alberte G. Nicolás, voceiro do BNG miñense.
Desde a formación nacionalista consideran que unha solución sinxela e económica sería a colocación de lombos e pasos elevados nos puntos críticos. Ademais, poderían estudarse outras alternativas como a colocación dunha pequena rotonda no cruce onde se sitúa a parada de autobús ou o cambio de preferencia en interseccións.
Dentro destas actuacións tamén está incluída a necesaria interlocución ca Deputación da Coruña, titular dun tramo desta estrada, mais a iniciativa debe partir do concello para despois ser atendida por esta administración.
“O único que solicitamos é que a veciñanza de Bañobre poida facer cuestións tan básicas como tirar o lixo ou dar un paseo sen que a súa seguridade estea comprometida co paso de cada vehículo”; engadiu Alberte G. Nicolás. “Sobre todo cando chega a época estival, xa que son moitas as persoas que veñen desfrutar dos nosos areais e usan este paso”, concluíu.