O BNG pediu nas súas propostas para o orzamento municipal crédito para estudar converter nun xeriátrico a antiga escola de Gallamonde
Alberte G. Nicolás: “A nosa proposta é que se estude a viabilidade de transformar a antiga escola de Gallamonde e a súa parcela nunha residencia de maiores e que se incremente en 30 mil euros a partida de emerxencia social, para facer fronte a complicada situación coa crise de prezos que estamos a vivir”
Desde o BNG pediron unha partida no orzamento para mellorar a mobilidade na rúa Real
Miño, 21 de decembro de 2023.- O BNG pediu nas súas propostas para o orzamento municipal que se reserve crédito para estudar converter nun xeriátrico a antiga escola de Gallamonde. “Lamentamos que o goberno local non apoiara as nosas propostas no Pleno municipal que se celebrou onte”, explicou o voceiro do BNG, Alberte G. Nicolás. “Este orzamento foi aprobado para, automaticamente, prorrogalo no exercicio do ano 2023, posto que, vendo os antecedentes do actual goberno municipal, o Concello de Miño non disporá dun novo orzamento até ben entrado o ano 2023”, criticou o voceiro nacionalista, quen solicitou que o gobernó rache con esta dinámica.
Desde o BNG presentaron as súas alegacións centradas en incrementar o gasto social “A nosa proposta é que se estude a viabilidade de transformar a antiga escola de Gallamonde e a súa parcela nunha residencia de maiores e que se incremente en 30 mil euros a partida de emerxencia social, para facer fronte a complicada situación coa crise de prezos que estamos a vivir”, engadiu o voceiro nacionalista.
As nacionalistas pediron tamén que se reserve crédito para contratar o estudo requirido pola Xunta de Galiza para declarar ENIL as Marismas do Baxoi e o seu entorno. “Está a rematar o mandato e parécenos imprescindíbel que o goberno local avance na protección das Marismas despois de 3 anos e medio perdidos neste tema”, explicou Alberte G. Nicolás.
Mellora da mobilidade na Rúa Real e da seguridade viaria en Bañobre
Desde o BNG pediron unha partida no orzamento para realizar mellorar a mobilidade, facendo peonil un tramo da rúa Real e pediron tamén 5 mil euros para mellorar a seguridade viaria en Bañobre.
Bono de apoio ao comercio local e estudo para a xestión directa da auga
Desde o BNG pediron tamén crédito orzamentario para a xestión directa e a comarcalización do subministro de auga. “É importante tamén reservar unha partida de 15.000 euros destinados á creación dun bono de desconto para dinamizar o consumo no comercio local, restaurantes, cafeterías, perruquerías ou servizos como o do taxi”, concluíu o voceiro do BNG, Alberte G. Nicolas.
As nacionalistas lamentaron que o goberno local non aceptara ningunha das súas propostas no pleno municipal que se celebrou onte.