O BNG solicitou melloras da mobilidade na rúa Real e outras do seu entorno
Desde o BNG presentaron esta proposta na súas emendas aos orzamentos de 2022 que acaba de aprobar o pasado mes o pleno, para a que pediron que se reservasen 15 mil euros para facer o estudo, mais o PSOE votou en contra.
Miño, 9 de xaneiro de 2023.- O BNG propuxo, entre outras medidas, peonalizar un tramo da rúa Real para mellorar a mobilidade nesta zona. “Trátase unha actuación conxunta na rúa Real e o seu entorno para garantir a seguridade viaria, calmar o tráfico e promover unha mobilidade máis amábel para o peón”, explicou o portavoz do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás.
“A proposta que pedimos que se estude desde o goberno sería declarar o entorno da rúa Granada, rúa Real, rúa Francisco García Picos e travesía Francisco García Picos transitábel só para residentes e, con limitación horaria, para labores de carga e descarga. Ademais, con carácter xeral, o estacionamento a pé de rúa estaría limitado exclusivamente na rúa e na travesía Francisco García Picos”, explicou o voceiro nacionalista.
“Unha parte de rúa Real sería peonil, atendendo ás demandas dos negocios e a veciñanza, e propomos realizar a conexión entre os dous segmentos da travesía Francisco García Picos así como dotar dun acceso á vía paralela”, engadiu Alberte G. Nicolás.
Desde o BNG presentaron esta proposta na súas emendas aos orzamentos de 2022 que acaba de aprobar o pasado mes o pleno, para a que pediron que se reservasen 15 mil euros para facer o estudo, mais o PSOE votou en contra.