O BNG organiza reunións en todas as parroquias de Miño
“Miño, parroquia a parroquia” pretende darlle maior protagonismo ás parroquias, por seren as grandes esquecidas e desatendidas do goberno local
Miño, 1 de febreiro de 2023.- O BNG organiza reunións en todas as parroquias de Miño para recoller as demandas veciñais e propostas para o seu programa de cara ás vindeiras eleccións municipais.
Segundo informou o candidato do BNG, Alberte G. Nicolás, “decidimos realizar estas xuntanzas para escoitar de primeira man todas as necesidades que ten a veciñanza”. O candidato do BNG detallou que as reunións denominadas “Miño, parroquia a parroquia” son abertas e calquera persoa pode achegarse para preguntar cuestións do seu interese, facer propostas ou simplemente escoitar.
Ademais, con estas xuntanzas o BNG de Miño pretende “darlle maior protagonismo ás parroquias, por seren as grandes esquecidas e desatendidas do goberno local”. Segundo Alberte G. Nicolás, “pretendemos que a veciñanza participe e poida trasladarnos a súas necesidades e propostas, para completar o noso proxecto para Miño”.
A primeira xuntanza terá lugar este venres, día 3 de febreiro, ás 20 h. no local social de Perbes.