O BNG criticou que o goberno local convoque o terceiro pleno en menos dun mes
"O único que consegue con isto o goberno de Vázquez Faraldo é un gasto innecesario para as arcas municipais ao convocar por terceira vez un pleno en apenas vinte días"
Miño, 5 de marzo de 2023.- O BNG de Miño criticou que o goberno local convoque o terceiro pleno en menos dun mes. Logo de convocar dous plenos en nunha mesma semana, o 13 e 16 de febreiro, o alcalde Manuel Vázquez Faraldo convocou un novo pleno extraordinario para o vindeiro 6 de marzo.
"Isto non fai máis que afondar nun problema de organización do goberno do PSOE, non se entende que con maioría absoluta manteña ao Concello sen orzamento para este ano 2023 e convoque un novo pleno para aprobar un modificativo de crédito co que financiar unhas obras de amaño de camiños municipais”, sinalou Alberte G. Nicolás, candidato do BNG á alcaldía.
"O único que consegue con isto o goberno de Vázquez Faraldo é un gasto innecesario para as arcas municipais ao convocar por terceira vez un pleno en apenas vinte días", sinalou o candidato nacionalista, "ademais do agravio á veciñanza de Miño ao adiar no tempo actuacións necesarias na nosa vila", concluíu.
“O goberno local ten a maioría para aprobar un orzamento para este ano, que xa debía estar en vigor, contemplando unha previsión dos investimentos que planea executar para evitar estar aprobando modificación tras modificación. A xestión económica do PSOE non ten sentido aprobar en decembro un orzamento para o ano anterior e prologalo automáticamente, agora estamos vendo as consecuencias”, engadiu o nacionalista.
Desde a formación nacionalista sinalaron que isto non é un feito puntual, ao tratarse dunha práctica habitual neste mandato que está a chegar ao seu fin. "Nunha situación económica municipal tan delicada, o goberno debe optimizar os seus recursos para poñer os mesmos ao servizo da veciñanza", aseverou Alberte G. Nicolás, "Miño merece máis e, a partir de maio, da man do BNG conseguirémolo".