O BNG de Miño presentou a súa candidatura para as eleccións municipais
Alberte G. Nicolás, “é un orgullo encabezar unha candidatura onde están presentes caras novas mais que mantén intacto o compromiso de facer en Miño o mesmo que xa está a facer o BNG noutros concellos”
O BNG de Miño realizará un acto público de presentación da súa candidatura o vindeiro venres 28 de abril no Centro Social da Rúa ás 20.00h, no que intervirán Mercedes Queixas, deputada no parlamento galego, e Alberte G. Nicolás
Miño, 19 de abril de 2023.- O BNG de Miño presentou o equipo que acompañará ao candidato a alcaldía, Alberte G. Nicolás, nas próximas eleccións municipais. Desde a formación nacionalista sinalan que se trata “dunha lista heteroxénea e onde están representadas as diferentes parroquias do municipio” pero que todas as integrantes teñen “unha forte implicación para mellorar a vida da veciñanza de Miño”.
Para o candidato a alcaldía, Alberte G. Nicolás, “é un orgullo encabezar unha candidatura onde están presentes caras novas mais que mantén intacto o compromiso de facer en Miño o mesmo que xa está a facer o BNG noutros concellos”, sinalou, “a partir do 28 de maio tamén seremos un modelo referente na xestión municipal situando sempre as maiorías socias no centro”, concluíu.
As nacionalistas aseguran que “da man do BNG, Miño superará a inacción e falta de planificación” do mandato pasado ao contar cun grupo “realmente comprometido co noso concello e que ten posta a cabeza e o corazón” para darlle á veciñanza de Miño o futuro que merece.
No primeiro tramo da candidatura atópase Jonás Vidal, traballador do metal e adestrador do equipo de veteranos do AD Miño; Icía Abraira, estudante de bioquímica; Isabel Gómez, veciña de Miño, onde rexenta unha tenda de roupa xunto a súa filla; Ana Rial, traballadora da administración pública ou Paulo Filgueiras, profesor de galego no ensino secundario. O BNG de Miño realizará un acto público de presentación da súa candidatura o vindeiro venres 28 de abril no Centro Social da Rúa ás 20.00h, no que intervirán Mercedes Queixas, deputada no parlamento galego, e Alberte G. Nicolás, entre outras.
Ademais, desde o BNG tamén informaron que proximamente presentarán o programa electoral, que contou ca participación das veciñas e veciños, "porque temos un proxecto político serio e solvente para darlle futuro a Miño que, estamos convencidos, contará co apoio da veciñanza o vindeiro 28 de maio e comezar a construír, entre todas e todos, un Miño mellor e con máis oportunidades " concluíu Alberte G. Nicolás.
CANDIDATURA DO BNG PARA AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS:
1. Alberte García Nicolás
2. Jonás Vidal Pena
3. Icía Abraira Castro
4. Isabel Gómez Rodríguez
5. Ana Rial Chorén
6. Paulo Filgueiras Fachal
7. Tania Casás Freire
8. José Medín Espiñeira
9. Rosa Grueiro Bouza
10. Alberte Valiño Martínez
11. Carlos González Graña
12. Carme Blanco Gómez
13. Henrique Abraira Sobrado
Suplente
1. Seila Barros Amor