O BNG das Mariñas marcou as prioridades para o novo curso político nunha reunión coa deputada Mercedes Queixas

O principal foco de atención para os vindeiros meses para o grupo nacionalista está en dar traslado ao Parlamento dos graves problemas ambientais da nosa comarca, como  a imprescindíbel aposta por mellorar calidade da auga dos ríos e da Ría de Betanzos

Cristina López: “Despois das eleccións municipais do pasado mes de maio o BNG ten na nosa comarca moita máis forza, temos o dobre de concelleiros e concelleiras nos 9 concellos da comarca, e recuperamos a representación nos Plenos de Miño e Abegondo”

O BNG das Mariñas marcou as prioridades para o novo curso político nunha reunión coa deputada Mercedes Queixas

Betanzos, 16 de setembro de 2023.- O BNG das Mariñas mantivo unha xuntanza coa deputada nacionalista Mercedes Queixas para marcar as liñas de traballo e prioridades para o curso político que comeza. 

O principal foco de atención para os vindeiros meses para o grupo nacionalista está en dar traslado ao Parlamento dos graves problemas ambientais da nosa comarca, como  a imprescindíbel aposta por mellorar calidade da auga dos ríos e da Ría de Betanzos. “Esta vai ser unha das nosas grandes prioridades no traballo político no Parlamento, de feito xa nesta liña xa rexistramos varias iniciativas e seguiremos esixindo un traballo coordinado entre os concellos, a Xunta e o Estado para garantir o saneamento, a depuración e a rexeneración da Ría de Betanzos”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas. 

“Outra liña de traballo fundamental vai ser a loita contra os recortes en servizos públicos esenciais como o ensino, que está causando problemas en moitos centros da nosa comarca coma o Vales Villamarín, onde é imprescindíbel rematar as obras de mellora das infraestruturas, ou o Castro Baxoi en Miño, que está sufrindo tanto os recortes no profesorado como a necesidade de melloras no propio centro”, engadiu a deputada nacionalista. “Tamén imos seguir reclamando o reforzo da atención primaria, do servizo de pediatría e do centro de especialidades de Betanzos para acabar co desmantelamento ao que o PP está sometendo o servizo público de saúde”, engadiu. 

Desde o BNG consideraron tamén prioritaria a loita por un transporte público de calidade na comarca das Mariñas, tanto ferroviario como por estrada e a defensa do patrimonio pulando pola súa conservación e posta en valor. “Seguiremos insistindo na necesidade de que a Xunta aposte decididamente pola rehabilitación do Casco Histórico de Betanzos e comprometa orzamento para o Parque do Pasatempo”, indicou a deputada nacionalista. 

O BNG empeza o novo curso político co dobre de concelleiras e concelleiros nos concellos das Mariñas

“Despois das eleccións municipais do pasado mes de maio o BNG ten na nosa comarca moita máis forza, temos o dobre de concelleiros e concelleiras nos 9 concellos da comarca, e recuperamos a representación nos Plenos de Miño e Abegondo”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López. “Agradecemos á veciñanza todo o seu apoio e poñémonos á súa disposición desde xa para conseguir os cambios que As Mariñas e Galiza precisan”, concluíu. 

O BNG das Mariñas marcou as prioridades para o novo curso político nunha reunión coa deputada Mercedes Queixas