O BNG solicita que se analicen as causas do mal estado das augas das praias de Perbes e Marín
A formación nacionalista demanda do goberno máis transparencia e celeridade nas medidas preventivas para garantir a seguridade das bañistas
“Volveremos a incidir na planificación dunha estratexia conxunta dos concellos da ría de Betanzos e da conca do río Mandeo para a mellora da súa calidade da auga”
Miño, 8 de agosto de 2023.- O BNG de Miño esixe ao goberno municipal encabezado polo socialista Vazquez Faraldo unha completa transparencia pola presenza duns niveis alarmantes da bacteria E. Coli na praia de Andahío e Marín, en Perbes. “É moi preocupante que a veciñanza e as turistas teñan que enterarse pola prensa de que a calidade da auga da praia non é apta para o baño”, sinalou o voceiro nacionalista Alberte G. Nicolás, “mais o que consideramos moi grave é que o goberno municipal non tomase medidas preventivas para garantir a seguridade das bañistas, xa que a praia continuou aberta con total normalidade na xornada de hoxe sen coñecer os resultados da segunda análise do estado das augas, poñendo en perigo a saúde de centos de persoas”, engadiu.
As nacionalistas, ademais de esixir medidas preventivas, solicitan ao goberno municipal e a Xunta de Galiza que colaboren para atopar as causas do problema e poidan darlle solución na maior brevidade posíbel. “Esta non é a primeira vez que se da esta situación, temos que lembrar que en agosto de 2016 a praia tivo que pecharse ao baño por causas similares, polo que podemos intuír que lonxe de solucionarse, o problema persiste”, declarou Alberte G. Nicolás.
Estratexia conxunta para a Ría de Betanzos
Ademais, o BNG das Mariñas anunciou que volverán incidir na planificación dunha estratexia conxunta dos concellos da ría de Betanzos e da conca do río Mandeo para a mellora da súa calidade da auga. “Malia que a ría de Betanzos é rede natura 2000, os vertidos, tanto das redes de saneamento como industriais seguen a producirse continuamente sen ningunha consecuencia”, sinalou a responsábel comarcal do BNG Cristina López, “vemos como as analíticas realizadas mostran continuamente que a calidade da auga non é optima, mentres os investimentos en saneamento, depuración e rexeneración levan anos retrasándose”, concluíu.
Na súa proposta, a fronte soberanista insta aos concellos da comarca a crear a Mesa da Ría de Betanzos, na que estean representados colectivos medio ambientais, confrarías, representantes dos concellos e dos diferentes grupos políticos que integran as corporacións e técnicos de medio ambiente co fin de promover a colaboración entre todos os concellos da Ría e dar prioridade ao control de vertidos.