O BNG traslada ao Parlamento as necesidades do CPI Castro Baxoi en Miño
“A consellería de educación pretende pechar para o vindeiro curso unha aula no primeiro curso de educación infantil, que ademais da supresión de prazas educativas nun concello onde segue medrando a poboación, suporía unha redución de persoal deixando só unha mestra de apoio para todas as aulas de educación infantil”
Miño, 5 de xullo de 2023.- O BNG traslada ao Parlamento as necesidades do CPI Castro Baxoi en Miño. Despois dunha reunión coa ANPA da deputada Mercedes Queixas, o portavoz do BNG en Miño, Alberte G. Nicolás e outros membros do BNG na localidade, o BNG trasladará estas peticións o vindeiro venres á comisión de educación do Parlamento.
“A oferta educativa pública no concello de Miño a respecto do ensino infantil, primario e secundario concéntrase no CPI Castro Baxoi, aínda que se mantén unha escola unitaria en Bemantes. No CPI Castro Baxoi estudan máis de 500 e é o deber das administracións garantir un dereito básico como é un ensino de calidade", explicou o portavoz do BNG, Alberte G. Nicolás.
“A consellería de educación pretende pechar para o vindeiro curso unha aula no primeiro curso de educación infantil, que ademais da supresión de prazas educativas nun concello onde segue medrando a poboación, suporía unha redución de persoal deixando só unha mestra de apoio para todas as aulas de educación infantil”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.
“O CPI Castro Baxoi é un centro con gran demanda. A supresión desta praza provocará maior masificación e repercutirá na calidade do ensino e dificultará a atención individualizada do alumnado”, engadiu Queixas.
Desde o BNG anunciaron que trasladarán ao vindeiro Pleno unha moción de urxencia trasladando o apoio ás demandas da comunidade educativa e instando á Xunta a manter o persoal no CPI Castro Baxoi.
Melloras nas infraestruturas
“O centro conta con problemas estruturais desde a súa construción, que foron aumentando ao longo dos anos. Requírese rematar o peche do perímetro do colexio, o amaño da rampla da parte traseira para reducir a pendente e da cuberta do patio ou a reforma dos aseos”, explicou o voceiro nacionalista.
O BNG demandou tamén que o concello realice o mantemento adecuado neste centro, en temas básicos como o mantemento dos xardíns ou as beirarrúas que rodean o edificio.