O BNG comprometeuse coa ANPA a atender as súas demandas e realizar as melloras necesarias no CPI Castro Baxoi
Alberte G. Nicolás: “É importante deseñar unha senda escolar segura, para que os nenos e nenas poidan ir andando á escola, sería fundamental estudar as opcións para deseñar un paso seguro que conecte Telle coa rúa do Regueiro”
Na visita ao CPI esta tarde do candidato do BNG á alcaldía, Alberte G. Nicolás e a deputada no Parlamento de Galiza, Mercedes Queixas comprometéronse tamén a trasladar ao Parlamento as demandas de obras de mellora que son competencia da Xunta.
Miño, 15 de maio 2023.- O BNG trasladou á ANPA o seu compromiso de realizar os mantementos necesarios no CPI Castro Baxoi o antes posíbel, aproveitando o parón de verán. Na visita ao CPI esta tarde do candidato do BNG á alcaldía, Alberte G. Nicolás e a deputada no Parlamento de Galiza, Mercedes Queixas comprometéronse tamén a trasladar ao Parlamento as demandas de obras de mellora que son competencia da Xunta.
“Hai cousas de mantemento básico como cortar a herba, pintar a fachada ou amaños de pingueiras, unha megafonía ou un taboleiro do anuncio que o concello pode facer inmediatamente cun mínimo gasto, só é cuestión de interese e vontade política”, explicou o candidato nacionalista, Alberte G. Nicolás.
Desde o BNG comprométense tamén a levar a cabo melloras para garantir a seguridade como o amaño das beirarrúas na avenida das Marismas ou melloras na marquesiña do bus. “É importante deseñar unha senda escolar segura, para que os nenos e nenas poidan ir andando á escola, sería fundamental estudar as opcións para deseñar un paso seguro que conecte Telle coa rúa do Regueiro”, engadiu Alberte G. Nicolás.
Ademais, o candidato do BNG considera fundamental reforzar a relación do concello coa ANPA, reforzando o convenio e ofrecendo un espazo público para que a asociación de nais e pais poida realizar as súas actividades e habilitar a formula para que se poida utilizar o pavillón para as actividades extraescolares, xestionadas pola ANPA.
Traslado á Xunta das necesidades do CPI Castro Baxoi
“Desde o BNG defendemos un ensino público de calidade e para iso tamén precisamos unhas infraestruturas adaptadas ás necesidades da comunidade educativa. Por iso, reclamaremos á Xunta que asuma as obras da súa competencia que a ANPA ven reclamando hai tempo: a reforma do pavillón, rematar o peche do perímetro do colexio, o amaño da rampa da parte traseira para reducir a pendente ou a reforma de todos os aseos”, indicou a deputada do BNG no Parlamento, Mercedes Queixas.