O BNG comprométese a solucionar desde o goberno o problema de seguridade viaria en Carantoña
Alberte G. Nicolás: “Realizaremos encontros periódicos nas 8 parroquias do noso concello para dar a coñecer os diferentes proxectos que está a levar a cabo o Concello e escoitar de primeira man as suxestións, preocupacións e problemas da veciñanza”
Miño, 13 de maio de 2023.- O BNG comprométese a solucionar desde o goberno o problema de seguridade viaria en Carantoña. “A veciñanza trasladounos que hai un problema de seguridade na estrada que conecta o núcleo de Carantoña coa N-651 que vai a Ferrol. Hai un paso soterrado cunha ponte que non ten beirarrúas nin senda peonil e que resulta moi perigoso para os peóns”, explicou o candidato á alcaldía do BNG, Alberte G. Nicolás.
“Esta vía é de titularidade municipal e desde o BNG comprometémonos a solucionar este problema coa veciñanza no encontro que celebramos en Carantoña. O goberno local ten agora opción dedicando parte do POS extraordinario que vai aprobar a deputación a melloras na seguridade nesta estrada”, engadiu o candidato do BNG.
Desde o BNG, insistiron na necesidade de escoitar a veciñanza antes de deseñar as obras e ter en conta as súas demandas e prioridades. “Realizaremos encontros periódicos nas 8 parroquias do noso concello para dar a coñecer os diferentes proxectos que está a levar a cabo o Concello e escoitar de primeira man as suxestións, preocupacións e problemas da veciñanza, facendo do Concello unha administración realmente próxima as miñesas e miñeses e que non faga diferencias de trato por cuestións xeográficas”, concluíu o candidato nacionalista.