O BNG recrimina a educación que suprima 1 aula e dous docentes no CPI Castro Baixo-Miño despois de prometer en eleccións a construción dun novo IES e converter o CPI en CEIP
Mercedes Queixas advertiu da chegada de novas matriculas ao longo do curso que superarán a ratio máxima e preguntou se a intención de educación será redirixir ao novo alumnado a outros centros para iniciar o peche definitivo do CPI de Miño
Acusou a Román Rodríguez de utilizar ao concello como “papeleta electoral” e “sacrificar a excelencia do CPI Castro- Baxoi de Miño”
Santiago de Compostela, 13 de setembro, 2023. Pleno.- A deputada do BNG, Mercedes Queixas recriminou ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez a decisión de suprimir 1 aula e dous docentes no CPI Castro-Baxoi de Miño despois de prometer en período electoral a construción dun novo Instituto de Ensino Secundario e converter o CPI en CEIP.
A nacionalista preguntou ao titular de educación si consideraba que 23 nenos de 2 e 3 anos, que se incorporan á escola por primeira vez, co correspondente período de adaptación, reciben unha mellor educación agrupados nunha aula e cun docente ou “desdobrados en dous grupos con dous docentes e unha profesora de apoio que axude ao alumnado con necesidades de atención educativa”.
As nais e os pais, do Baxoi de Miño, o profesorado, o consello escolar, a corporación municipal, en pleno e de forma unánime e tamén esta deputada, como profesora do ensino público galego e nai, pensamos que a resposta correcta “é a segunda”.
A consellería de educación, afirmou a nacionalista, tamén o consideraba así ata este curso respectando o “desdobre de dous grupos en 4 de Educación Infantil coa súa profesora e outra de apoio pero descoñecemos “as razón pedagóxicas” que levaron a agrupación de 4º de infantil nun único grupo.
Para a deputada, esta decisión ten aínda outra consecuencia sobre o centro porque as 5 aulas de Educación Infantil, en vez das 6 que había, “disporán só dunha profesora de apoio en vez de 2”.
1 profesora de apoio para un total de 83 alumnos dos que varios precisan atención educativa específica, precisamente en 4ª de Educación Infantil onde se suprime 1 clase e dúas profesoras e coas características do alumnado procedente do Centro Fogar María Inmaculada de Bañobre que merece tamén unha atención de calidade.
Ante esta nova situación, a deputada do BNG preguntou ao conselleiro se a educación de excelencia no CPI Castro Baxoi de Miño está garantida, desde a calidade, igualdade e equidade ou se responde a “simples cifras”.
A Comunidade educativa quere saber que medidas vai tomar a consellería e se está facendo un bo uso dos recursos públicos.
Mercedes Queixas lembrou que o concello de Miño está a experimentar un importante crecemento demográfico, “800 persoas máis nos últimos dez anos e con demanda de matricula nova ao longo de todo o curso pola inmigración de Venezuela, Colombia, Ucraína, Marrocos, Pakistán”, explicou.
“Que vai facer a Consellería cando comecen a chegar novas matrículas ao longo do curso e se supere a ratio máxima? Vanos redirixir a outros centros da comarca e comezar así o peche progresivo do CPI de Miño? inquiriu a nacionalista.
“Non nos enrede cos números que vostede utiliza habitualmente, xogos de ratios falsas e cunha demografía descendente para xustificar a súa xestión”. Esta argumentación, dixo, Queixas, non lle serve para Miño polo que pediu “honestidade” a Román Rodríguez á hora de responder ás cuestións formuladas polo BNG.
Tras constatar que o titular de Educación persistiu en cinguirse á dinámica demográfica, a deputada volveu a pedir unha resposta con razóns pedagóxicas e non “unha folla de Excel e ratios máximas”. Non engane a poboación de Miño con datos falsos, reiterou. “Non minta ás familias e ao profesorado” porque en plenas eleccións municipais de maio, visitou o concello e afirmou que dende a pandemia e cun censo de poboación crecente era necesario intervir educativamente en Miño, “ convertendo o CPI nun CIP porque fai falta e construción dun IES para frear o éxodo dos xoves a outros concellos”.
A xuízo da nacionalista, Román Rodríguez empregou o concello de Miño como “unha paleta electoral” mentindo deliberadamente. Mercedes Queixas lamentou que Educación “sacrifique a excelencia que até agora había no CPI Castro- Baxoi de Miño”.