O BNG esixe a Xunta que recupere a aula suprimida de 4º de infantil do CPI Castro Baxoi
“É necesario que a Xunta escoite as demandas da comunidade educativa do CPI Castro Baxoi e aposte por un ensino público e de calidade”
Miño, 5 de setembro de 2023.- O BNG interpelará ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no pleno da vindeira semana para que o executivo galego recapacite e reverta o peche da aula de 4º de educación infantil. Para a deputada nacionalista, Mercedes Queixas, “é necesario que a Xunta escoite as demandas da comunidade educativa do CPI Castro Baxoi e aposte por un ensino público e de calidade. A deputada nacionalista lembrou que o Pleno do concello de Miño ven de aprobar unha declaración institucional co apoio de todos os grupos, incluído o PP, para manter esta aula.
Para as nacionalistas, a Consellería de Educación “non percibe a gravidade das súas decisións” ao considerar que o ensino público “non ten as garantías de calidade necesarias para as crianzas de Miño” e animan a participar a veciñanza de Miño da manifestación de mañá, convocada pola ANPA, ás 19.00h con saída na Praza do Parchís.
“Na comisión celebrada o pasado 7 de xullo o Secretario Xeral Técnico de Educación comprometeuse co BNG a revisar esta drástica decisión para garantir a calidade educativa neste centro, mais o curso comeza coa confirmación de supresión de prazas docentes e da unidade mencionada, o que segue a provocar malestar das familias”, lembra a deputada Mercedes Queixas.
“No BNG entendemos que a situación que presenta o CPI Castro Baxoi de Miño debe reverterse, pois non se dan as condicións para iniciar o desmantelamento progresivo deste centro unha vez recortadas as unidades do primeiro curso académico que en como consecuencia a perda de oportunidades e oferta educativa”, concluíu.