O BNG propón dotar de saneamento a Fraga - Cortiñán e melloras no baleirado de fosas sépticas
A proposta do BNG tamén inclúe negociar co Estado para coordinar as obras coas da futura reordenación da N-VI en Cortiñán
Bergondo, 7 de setembro de 2023.- O BNG de Bergondo levará ao pleno deste mes unha proposta para que se dote do servizo de saneamento a parte do lugar da Fraga, na parroquia de Cortiñán, que aínda non conta con el. "Esta zona, pese a conformar un núcleo eminentemente urbano e colindar coa estrada N-VI, non conta con este importante servizo básico dende o punto de vista medioambiental. Ademais é obriga dos concellos dotar a veciñanza deste servizo", expuxo o voceiro do BNG David Carro.
A proposta do BNG tamén inclúe negociar co Estado para coordinar as obras coas da futura reordenación da N-VI en Cortiñán. "O Goberno do Estado aprobou provisionalmente en febreiro o proxecto de reordenanción de accesos da N-VI, que transcorre por esta zona. Así, podería aproveitarse a execución destas obras para, coordinadamente, colaborando entre administracións, estender o saneamento a esta zona, reducindo así costes e optimizando recursos", expuxo Carro.
Por outra parte, o grupo municipal nacionalista insta ao Goberno Local a contribuír a reducir o custo do baleirado de fosas sépticas para as vivendas sen saneamento municipal, subvencionando unha parte ou con algún baleirado gratuíto anual. Esta medida sería temporal mentes non se completa a rede de saneamento a totalidade do concello, que debe ser a prioridade a prioridade. “Que o concello se encargue da xestión e organización do baleirado é un garante de que este se efectúa cunha periodicidade acaída”, explicou o portavoz do BNG. "O saneamento é un servizo básico, prioritario, obriga dos concellos a súa prestación, e mentres hai vivendas que non contan con el, o Concello debe garantir algunha alternativa", concluíu.