O BNG presentou o seu programa para gobernar Bergondo
David Carro: “Máis dun cento de propostas en todos os eidos, encamiñadas a construír un concello máis moderno e equipado, máis humano, con máis e mellores servizos”
Bergondo, 14 de maio de 2023.- O BNG presentou o seu programa para gobernar Bergondo. “Máis dun cento de propostas en todos os eidos, encamiñadas a construír un concello máis moderno e equipado, máis humano, con máis e mellores servizos”, explicou o candidato do BNG á alcaldía, David Carro. "Bergondo merece, e pode ser moito máis, e no BNG temos o proxecto preparado para darllo. Hai os recursos necesarios, hai moitas propostas realistas, só se necesita unha boa xestión e vontade política para levalas a cabo", engadiu Carro.
O programa de goberno do BNG incide no aspecto social, infraestruturas deportivas, medioambiente, ou o apoio as persoas autónomas e ás pequenas e medianas empresas para dar un impulso ao polo económico tan relevante a todos os niveis como é o polígono industrial.
Entre as propostas máis salientábeis destacan a construción dunha piscina e ximnasio municipais, un centro de actividades náuticas, locais sociais en Rois e Gandarío, ou un centro de día. Ademais desde o BNG comprométense á apertura "de verdade" da Casa da Xuventude cun modelo de autoxestión, a extensión de fibra óptica nas zonas do concello que aínda carecen dela, ou axudas a instalación de placas solares e a súa instalación en edificios públicos, así como melloras na mobilidade cunha ruta municipal de autobús.
Tamén se inclúen no proxecto do BNG, a creación dunha oficina de apoio ao emprendemento para a internacionalización, ou de información en materia tecnolóxica, (I+D+I, protección de datos, dixitalización, presencia web ...); a creación dun viveiro de empresas, un convenio municipal coa Cámara de Comercio, beneficios fiscais pola creación de emprego, ou un certificado profesional de xoiaría.
"Máis dun cento de propostas para un novo concello, feito entre todos e todas, para poñer Bergondo no mundo e espertar o orgullo bergondés", concluíu Carro.