O BNG de Bergondo fixo pública unha proposta para promocionar o sector da panadería e a pastelaría local
David Carro: "Bergondo ten moitas potencialidades e dende o concello débense impulsar de forma decidida e apoiar as iniciativas emprendedoras, diferentes, creadoras de emprego, deixando beneficios aquí e levando o nome de Bergondo polo mundo”.
Bergondo, 8 de maio de 2023.- O BNG de Bergondo fixo pública unha proposta para promocionar o sector da panadería e a pastelaría local, de gran importancia no municipio, onde contan cun considerable número de establecementos desta tipoloxía, nalgún caso premiado internacionalmente.
"A creación dun selo ou marca identificativa propia para a produción elaborada en Bergondo, campañas promocionais, introducir unha sección no Festival Folk para venta, degustación e promoción, para sacar maior beneficio social a este, ou estudar a posibilidade dunha xornada especifica fora desta data de acordo cos obradoiros, son algunhas das medidas que implantaremos de acordo co sector, se a veciñanza nos da a súa confianza", expuxo o portavoz nacionalista e candidato a alcaldía David Carro.
"Bergondo ten moitas potencialidades e desde o concello débense impulsar de forma decidida e apoiar as iniciativas emprendedoras, diferentes, creadoras de emprego, deixando beneficios aquí e levando o nome de Bergondo polo mundo. Iniciativas como esta ou doutros sectores dos que tamén contamos con importantes empresas no polígono. Tamén incentivar a creación de sinerxías entre as persoas autónomas e as pequenas empresas", concluíu Carro.