O BNG de Bergondo presentou o "BerBus", a súa proposta para implantar unha ruta de transporte municipal circular
David Carro: “A mellora da mobilidade é fundamental para as persoas que non dispoñen de vehículo privado ou non poden conducir, sobre todo xente maior ou mocidade, e tamén por unha cuestión ambiental”
Bergondo, 17 de maio de 2023.- O BNG de Bergondo presentou o "BerBus", a súa proposta para implantar unha ruta de transporte municipal circular, cun recorrido que abrangue todas as parroquias e o polígono industrial.
"A mellora da mobilidade é fundamental para as persoas que non dispoñen de vehículo privado ou non poden conducir, sobre todo xente maior ou mocidade, e tamén por unha cuestión ambiental e de contaminación. Ultimamente vimos como en lugar de mellorar, a mobilidade empeorou no noso concello, con redución de frecuencias de bus, falta de información, queixas continuas. De que vale que dean bonos para facelo máis económico se logo non hai buses nin tren?", expuxo o portavoz nacionalista e candidato a alcaldía David Carro.
"A partir do 28M comprometémonos a implantar unha ruta de bus circular, por todas as parroquias e o polígono, inicialmente con 4 expedicións diarias, polas mañas, de luns a venres, que facilite os desprazamentos ao traballo, recados, ou aos centros de saúde, e a posíbel mellora no mesmo posteriormente en función da demanda, o que nomeamos "BerBus". A denominación ten un dobre sentido, o bus de Bergondo, pero tamén indicando que queremos ver o bus, porque Bergondo merece e pode ter unha mellor mobilidade, con esta proposta de ruta e cuantificada economicamente", indicou Carro.
"Ademais, como viñemos facendo ata o de agora, continuaremos demandando que a Xunta tome medidas coas concesións das liñas de autobús para que fagan os cambios necesarios e contemos con frecuencias, buses e información, cando menos como tiñamos antes", concluíu Carro.