O BNG de Bergondo comprométese á construción dunha piscina e ximnasio municipais
David Carro: "A construción dunha piscina é unha das reiteradas peticións por parte da veciñanza. Preferimos ter unha piscina a un cemiterio de vellos contedores do lixo que dan unha imaxe deplorábel no medio e medio do polígono"
Bergondo, 23 de maio de 2023.- O BNG de Bergondo comprométese á construción dunha piscina e ximnasio municipais na parcela dotacional deportiva do polígono. "A construción dunha piscina é unha das reiteradas peticións por parte da veciñanza. Preferimos ter unha piscina a un cemiterio de vellos contedores do lixo que dan unha imaxe deplorábel no medio e medio do polígono", indicou o portavoz municipal e candidato a alcaldía David Carro. "Ademais, esta sería completada con un verdadeiro ximnasio municipal con todas as prestacións, non o soto adaptado de agora", expuxo Carro.
"A práctica de calquera deporte sempre é beneficioso para a saúde. Actividades como a natación son das máis recomendadas para calquera tipo de idade, e moi boas para determinadas doenzas. Ademais, a construción no entorno do polígono facilitara a utilización tamén por persoas usuarias procedentes deste, que poderán ir antes ou despois da xornada de traballo, e deste xeito contribuír igualmente ao seu mantemento. Un goberno do BNG apostará por máis infraestruturas deportivas como esta, ou a mellora doutras, como cubrir a polideportiva de Ouces. Merecemos e podemos ter máis, hai recursos e hai potencial para desenvolvelos, só falta unha boa xestión que lle saque todo o partido", concluíu Carro.