O BNG presenta alegacións ao Plan Especial de Gandarío
David Carro: “As vivendas sitúanse no centro sen que se poida determinar o acceso a elas, nin se prevé ningunha vivenda destinada a algún tipo de protección como aluguer social, de obrigado cumprimento”
Bergondo, a 12 de xullo de 2023.- O BNG de Bergondo presentou alegacións ao Plan Especial de Reforma Interior de Gandarío – Ouces, actualmente en tramitación.
"O plan proposto non supón ningunha mellora para o conxunto da veciñanza. Todo parece indicar que as presas para reactivalo despois de 30 anos responden a que se pode ver afectado polo Plan do Litoral, xa que se sitúa moi preto do deslinde marítimo terrestre de Costas e colinda cunha canle fluvial que atravesa o ámbito coa vexetación de ribeira e fauna que lle é propia", expuxo o portavoz nacionalista David Carro.
"A proposta en tramitación ignora a planificación vixente eliminando o vial previsto de acceso á igrexa de Ouces dende a AC-162, a protección patrimonial da igrexa e o cruceiro, as afeccións de 100 m da canle do río, non existe acceso dende as estradas existentes AC-162 e camiño de Tatín, e o terreo, que presenta unha suave pendente descendente cara o noroeste esaxerase coa explanación das parcelas municipais, xerando un desnivel entre a estrada de Tatín e a AC-162", indicou Carro.
"Ademais, os equipamentos son os xa existentes, non se crean nin se cede espazo para outros novos, cédese unicamente a canle fluvial e as súas marxes ao Concello, que deberá correr co mantemento dun terreo non aproveitable urbanisticamente mentres os promotores se levan todo o beneficios. As vivendas sitúanse no centro sen que se poida determinar o acceso a elas, nin se prevé ningunha vivenda destinada a algún tipo de protección como aluguer social, de obrigado cumprimento", detallou o portavoz do BNG.