O MITMA confirma ao BNG que está a redactar o proxecto para a mellora da seguranza viaria en Paderne
A frente nacionalista reclamou, a través de iniciativas no Congreso, ao Ministerio de Transporte levar a cabo actuacións no cruzamento da N-651 coa AC-164 no núcleo de Insua e a construción dunha rotonda
Néstor Rego e Manel Pérez demandan incluír máis actuacións que permitan a humanización da vía ao seu paso polos núcleos de poboación do concello de Paderne: “pasos de peóns, sendas ou beirarrúas” enumeran.
Madrid, 21 de abril de 2023. O Bloque Nacionalista Galego, após reclamar a través de iniciativas rexistradas no Congreso, recibiu a confirmación do Ministerio de Transportes de que iniciará a redacción dun proxecto para a mellora da seguranza viaria na N-651 ao seu paso polo núcleo de Insua, en Paderne, coa construción dunha rotonda no cruzamento coa AC-164. A frente nacionalista demanda celeridade na redacción do proxecto para que se poidan levar a cabo as actuacións que permitan reducir a sinistralidade e demanda ao MITMA incorporar novas medidas que permitan a humanización da estrada ao seu paso polos núcleos de poboación do termo municipal de Paderne.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado realizase as actuacións necesarias para a mellora da seguranza viaria da N-651 ao seu paso polo concello de Paderne. A resposta por parte do Ministerio de Transportes ás demandas do BNG para a redacción dun proxecto e a construción dunha rotonda no cruzamento da estrada coa AC-164 foi afirmativa.
“Con esta confirmación por parte do Ministerio estamos ante un avance para a mellora da seguranza viaria no noso concello, diminuíndo o tráfico e facilitando os cambios de sentido, así como as manobras a realizar” sinala o candidato do BNG á alcaldía de Paderne. Neste sentido, Manel Pérez pon en valor o traballo realizado polo BNG, tanto no Concello de Paderne como no Congreso, para diminuír a sinistralidade e a mellora da seguranza viaria, a través de diversas iniciativas e o rexistro de emendas nos diferentes proxectos de orzamentos.
“O traballo incansábel do BNG ten como un dos seus obxectivos mellorar a vida dos e das galegas e, con iniciativas como esta, demóstrase a súa utilidade e pon en valor a necesidade de incrementar a presenza do BNG nas institucións, nos concellos e tamén no Congreso, cun Grupo Galego que defenda con maior peso e maior influencia os intereses da Galiza” afirma o deputado do BNG no Congreso.
Alén da redacción e construción da glorieta
Néstor Rego entende a necesidade de mellorar a seguranza viaria, tanto no núcleo de Souto como tamén no de Insua, no concello de Paderne. “Son zonas perigosas pola falta de pasos de peóns en que a estrada N-651 divide pola metade os núcleos” explica o deputado do BNG. Neste sentido, Rego engade que o Goberno “debe acometer actuacións que permitan a humanización da vía e o tránsito seguro para as persoas”.
Para Manel Pérez, candidato do BNG á alcaldía de Paderne, é preciso que se amplíen as actuacións que o MITMA prevé levar a cabo, incorporando a redacción dun proxecto para “implantar pasos de peóns, sendas ou beirarrúas que permitan a humanización da vía”.