O BNG negociará un acordo para investir a Sergio Platas como alcalde de Paderne

“Unha maioría de veciñas e veciños de Paderne apostaron por forzas alternativas ao PP o pasado 28 de maio e, precisamente, esas forzas debemos entendernos para impedir un goberno da dereita”.

Manel Pérez: “Agora, tócalle mover ficha ao PSOE e escoitar as nosas propostas que, de seguro, mellorarán a vida da nosa veciñanza”

O BNG negociará un acordo para investir a Sergio Platas como alcalde de Paderne

Paderne, 9 de xuño de 2023.- A Asemblea local do BNG de Paderne acordou o pasado martes facilitar a investidura do socialista Sergio Platas como alcalde, a través dun acordo de investidura. Para o portavoz nacionalista, Manel Pérez, “unha maioría de veciñas e veciños de Paderne apostaron por forzas alternativas ao PP o pasado 28 de maio e, precisamente, esas forzas debemos entendernos para impedir un goberno da dereita”.

Na procura dese entendemento, as nacionalistas consideran fundamental rematar co inmobilismo dos anteriores mandatos e atopar unha solución a carencias de servizos tan básicos como o abastecemento e saneamento da auga, a conciliación familiar ou a creación dun centro de día.

“Estamos dispostas a dar o noso voto de confianza ao candidato socialista, mais non será a calquera prezo”, indicou Manel Pérez, “cun BNG decisivo conseguiremos dar un xiro cara políticas de esquerda e á transparencia no goberno”, concluíu.

Alén dos servizos básicos, as nacionalistas tamén reclaman máis valentía na toma de decisións, apostando pola creación dunha comunidade enerxética local que pule polas enerxías verdes e abarate os custos na factura da luz, ou a posta en marcha dun banco de vivenda baleira e deshabitada a prezo taxado e unha liña de axudas para a rehabilitación de ditas vivendas co fin de fixar poboación no concello.

O portavoz nacionalista foi claro ao dicir que “agora, tócalle mover ficha ao PSOE e escoitar as nosas propostas que, de seguro, mellorarán a vida da nosa veciñanza”. Neste sentido a asemblea local do BNG nomeou unha comisión que se encargará da negociación e seguimento do acordo de investidura e comprobará o seu cumprimento.

O BNG negociará un acordo para investir a Sergio Platas como alcalde de Paderne