O BNG presentou a súa campaña pola calidade da auga nos ríos e na ría de Betanzos
“Trasladaremos de novo o problema do saneamento e a depuración aos plenos dos diferentes concellos da comarca, e ao mesmo tempo pretendemos concienciar á nosa veciñanza para que esixa á Xunta e aos concellos avances para garantir a calidade da auga dos ríos e da Ría de Betanzos”
Betanzos, 8 de decembro de 2023.- Portavoces de concellos da comarca, concelleiros e militantes do BNG das Mariñas presentaron a carón do río Mandeo en Betanzos a súa campaña en defensa da calidade da auga dos ríos da comarca e da ría de Betanzos. “Levamos anos denunciando os continuos verquidos aos nosos ríos, os problemas de saneamento e falta de depuración dos concellos sen que a Xunta, que ten a competencia a través de Augas de Galiza, nin os concellos actuaran para avanzar nesta situación. Este verán cos cortes de auga potábel, logo do gromo de gastroenterite por Norovirus en Betanzos, e dous episodios onde se desaconsellou de novo o baño na praia de Perbes, vimos como esta situación se agravou considerabelmente”, explicaron desde o BNG.
As nacionalistas presentaron a súa campaña coa que queren poñer o foco no problema ambiental que supón esta situación, “que se leva mantendo décadas a pesar das continúas denuncias e iniciativas do BNG nos diferentes concellos”. “Trasladaremos de novo o problema do saneamento e a depuración aos plenos dos diferentes concellos da comarca, e ao mesmo tempo pretendemos concienciar á nosa veciñanza para que esixa actuacións neste sentido”, engadiron.
Desde o BNG lembraron que levan anos esixindo á Xunta investimento en rematar o saneamento e depuración nos concellos das Mariñas e que se controlen os vertidos continuos que se producen no Mendo, no Mandeo ou no Lambre. “Este ano de novo volvemos a presentar unha emenda neste sentido nos orzamentos da Xunta para 2024, todas sabemos cal é a situación da calidade da auga na nosa Ría, con dúas zonas C -unha estábel e unha estacional- para a extracción de marisco, praias onde non se recomenda o baño todos os veráns... É o momento de actuar, de esixir á Xunta de Galiza que durante 14 anos non fixo do noso medio ambiente unha prioridade que se comprometa a buscar solucións”, concluíron.