O BNG propón ao Consorcio das Mariñas que a suba do lixo teña en conta o valor catastral das propiedades para garantir un recibo “progresivo e progresista”
Os nacionalistas defenden coa súa proposta unha maior cohesión e xustiza social, protexendo ás clases máis populares do incremento de máis dun terzo da factura do lixo.
A medida que defende o Bloque foi avaliada positivamente polos técnicos do Consorcio no seu informe, pero foi desbotada polas forzas de esquerda do Consorcio, PSOE, AV e Sada Maioría que secundaron a proposta do PP.
O BNG reclama máis transparencia e participación social nun ente cada vez máis pechado e escurantista.
A Coruña, 19 de decembro de 2023.- A modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida, transporte, tratamento e eliminación de lixos e residuos urbanos do Consorcio As Mariñas anunciada dende hai unhas semanas motivou xa a finais de outubro un poscionamento público do BNG en contra dunha medida que conleva o aumento dun terzo no recibo do lixo para a veciñanza da contorna coruñesa.
O BNG defendeu dende un principio que existen medidas e mecanismos legalmente válidos, economicamente eficaces e socialmente xustos para aliviar un incremento tarifario que non poña en perigo un modelo de recollida e tratamento do lixo que, tendo moitos aspectos a mellorar, aposta pola reciclaxe e. non pola incineración, en contraposición ao modelo Sogama desenvolvido polo PP na Xunta de Galiza.
Dentro do periodo de presentación de reclamacións á suba tarifaria aprobada polo conxunto de alcaldías da comarca por unanimidade o BNG vén de presentar unha proposta para que na actualización de tarifas se teña en conta o valor catastral de cada propiedade para, segundo a súa tipoloxía de uso, establecer unha segmentación por tramos de tal xeito que os tramos máis elevados asuman un maior incremento do recibo e os tramos máis modestos vexan amortiguada a suba do recibo, resultando, finalmente, uns ingresos totais similares aos previstos coa suba lineal proposta polo Consorcio.
A ollos dos nacionalistas resulta de todo punto incomprensíbel ver como forzas que se autocalifican de esquerdas coma o PSOE, AV ou SM fixeron un trágala á proposta da presidencia do Consorcio, inexplicablemente en mans do PP, absolutamente antisocial e carente da máis mínima empatía cos sectores poboacionais máis desfavorecidos. O BNG defende unha actualización de prezos “progresiva e progresista” que conta ademáis co aval tácito dos técnicos do propio Consorcio das Mariñas que contemplaron a implementación destes parámetros no informe preceptivo á modificación fiscal.
Defende o BNG afortalar a progresividade nunha taxa que ten carácter universal e obrigatorio, algo que. entende todo o mundo, que pague máis quen máis ten. Como tamén todo o mundo entende que quen paga ten dereito a saber que está a pagar e por que está a pagar, é por iso que o Bloque denuncia as trabas que pon o Consorcio das Mariñas para acceder a documentación relativa as súas contratacións e licitacións e o escurantismo co que funciona, mal que ben, un ente que sobrevive en coma inducido incapaz de impulsar a creación dunha mancomunidade como paso previo á creación dunha área metropolitana.
O BNG fai un chamamento ao conxunto da sociedade; da cidadanía a título individual ao tecido veciñal pasando polo pequeno e mediano empresariado e as entidades sociais a demandar, xunto cunha mellora na calidade do servizo de recollida do lixo, que o aumento do recibo, teña unha mínima sensibilidade social.