O BNG organizou un encontro no que explicou as súas propostas sobre igualdade e feminismo

Cristina López: “A nosa proposta e aproveitar o Convento das Donas para un centro integral de atención á muller que dea servizo ás mulleres de toda a nosa comarca”

O BNG organizou un encontro no que explicou as súas propostas sobre igualdade e feminismo

Betanzos, 25 de xaneiro de 2024.- O BNG organizou esta tarde un encontro que co titulo “Feminismo. Unha Galiza en pé de igualdade” no que explicou as súas propostas sobre igualdade, feminismo e diversidade. No acto, que se celebrou no local social da rúa Pintor Seijo Rubio,  participaron Pura Ferreño, portavoz do BNG de Coirós, Amelia Sánchez, portavoz do BNG de Betanzos e Cristina López, membro da candidatura do BNG ao Parlamento de Galiza e responsábel comarcal.

“Desde o BNG estamos contentas de ter impulsado avances importantes nestas cuestións: a primeira lei galega contra a violencia machista, avances contra a discriminación da maternidade no ámbito laboral e da investigación, recoñecemento da violencia vicaria, por poñer exemplos dos últimos anos”, explicou Pura Ferreño, quen aproveitou para advertir dos discursos de odio da extrema dereita que buscan o retroceso dos dereitos conseguidos.

Pola súa parte Amelia Sánchez centrou o seu discurso na conciliación e coidados, e apostou por un novo modelo de coidados “que poña ás persoas no centro e garanta o benestar conxunto de toda a poboación”. 

“A nosa proposta e aproveitar o Convento das Donas para un centro integral de atención á muller que dea servizo ás mulleres de toda a nosa comarca”, expuxo Cristina López. “O Centro de Orientación Familiar de referencia para nós está no Ventorrillo, outra vez cos problemas de transporte que temos e tendo en conta que unha parte importante das usuarias do servizo son menores e non teñen opción de desprazarse en coche”, explicou. 

“No BNG vemos necesario un Centro de Información á Muller en Betanzos, polos problemas tanto de transporte público como de persoal para que o CIM de Coirós poida dar servizo a todos os concellos da comarca. Pensamos que hai que manter e reforzar o CIM de Coirós, pero tamén que é necesario un novo CIM en Betanzos, para dar servizo por un lado aos concellos máis rurais e polo outro aos máis urbanos como Bergondo, Miño ou Betanzos”, engadiu a nacionalista. 

“Por outra banda, na nosa comarca non temos puntos de encontro familiar, e as mulleres con crianzas que teñen que facer uso deste servizo teñen que desprazarse á Coruña. Pensamos que é necesario reforzar estes servizos e achegalos ás persoas usuarias”, indicou Cristina López. “Agora é o momento de avanzar con intensidade na conquista de dereitos e nas demandas do movemento feminista galego”, concluíu a candidata nacionalista.  

O BNG organizou un encontro no que explicou as súas propostas sobre igualdade e feminismo