O BNG de Miño reclama no Pleno impulsar compromisos reais pola igualdade de xénero e para garantir a atención á violencia machista

Alberte G. Nicolás: “A loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde e fronte a efemérides rituais e baleiras de contido”

O BNG de Miño reclama no Pleno impulsar compromisos reais pola igualdade de xénero e para garantir a atención á violencia machista

Miño, 19 de decembro de 2023.- O BNG de Miño reclama no Pleno impulsar compromisos reais pola igualdade de xénero e para garantir a atención á violencia machista. “A loita contra a  violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde e fronte a efemérides rituais e baleiras de contido”, explicou o voceiro do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás. 

“As administracións locais temos o deber de expresar o noso rexeitamento ante o avance dos discursos negacionistas e banalizadores da violencia machista, e a súa preocupación ante os retrocesos en dereitos que está a impulsar a dereita en diversas institucións no conxunto do Estado malia o aumento dos feminicidios que estamos a vivir”, engadiu. 

Por iso desde o BNG, pediron que o Concello demande á Xunta de Galiza un Centro de Información á muller (CIM) que dea servizo ao Concello de Miño e un Centro de Orientación Familiar (COF) que dea servizo a Comarca de Betanzos.

“Pensamos ademais que o goberno local debe dotar de “Puntos Lilá” os eventos multitudinarios, como a Feira da Cebola, ou festividades, como o San Pedro; para que calquera persoa poida acudir a eles para denunciar, pedir información ou protexerse dunha agresión machista”, indicou Alberte G. Nicolás. 

O grupo do BNG propuxo tamén a elaboración un plan de formación para o funcionariado municipal para que integren a perspectiva de xénero en todas as áreas e actividades desenvolver actividades e programas de prevención da violencia machista e da promoción da igualdade, cunha partida específica nos orzamentos do ano 2024.

O BNG pide melloras da seguridade viaria na AC-160 que une Miño e Vilarmaior

O BNG pide que o concello traslade á Xunta de Galiza a rematar os traballos de repintado da estrada AC-160 na maior brevidade de tempo posíbel. Así como a instalar novos pasos de peóns, tendo en conta os núcleos densamente poboados e a existencia de marquesiñas de bus e da Escola Unitaria de Bemantes. “Pensamos que a Xunta debe valorar tamén a instalación de pasos de peóns elevados ou lombos na estrada AC-160 e que axuden a mitigar a velocidade dos vehículos ao paso polos núcleos de Sombreu e Bemantes”, concluíu o portavoz do BNG de Miño. 

Rematar a depuración e saneamento en todo o Concello de Miño

O grupo nacionalista reclama tamén no Pleno que se elabore e un estudo das necesidades e deficiencias do servizo de saneamento e depuración así como un cronograma con prazos e proxectos concretos para subsanar estas deficiencias. Esta proposta encádrase dentro da campaña comarcal coa que o BNG chama a atención sobre a calidade da auga da Ría e os ríos e busca avanzar no saneamento e depuración e acabar cos verquidos. 

O BNG de Miño reclama no Pleno impulsar compromisos reais pola igualdade de xénero e para garantir a atención á violencia machista