O BNG pide ao goberno local que elabore unha ordenanza de usos do galego na administración local
Alberte G. Nicolás: “ esta proposta pretende contribuír a recuperar ámbitos e espazos para o galego en Miño e facer o posíbel para reverter a alarmante dinámica de perda de falantes no noso concello”
Miño, 19 de outubro de 2023.- O BNG pide ao goberno local que elabore unha ordenanza de usos do galego na administración local. O Concello de Miño debe asumir a súa responsabilidade tanto no ámbito político-administrativo -abeirado na Lei de normalización lingüística e na Lei do uso do galego como lingua oficial polas entidades locais- como no ámbito social diante do pobo”, explica o voceiro do BNG, Alberte G. Nicolás.
“O concello é a administración máis próxima á veciñanza, e isto confírelle un protagonismo preferente para desenvolver actuacións, actividades, programas e accións encamiñadas á implicación cidadá, á recuperación social, á dinamización e ao incremento do uso e prestixio do idioma propio e oficial de Galiza nos distintos ámbitos e sectores sociais.
O BNG traslada ao Pleno municipal que se celebrará está tarde unha proposta para elaborar unha ordenanza de usos da lingua que estableza as accións que o Concello de Miño debe emprender, así como os criterios lingüísticos para seguir nas diferentes accións, ámbitos de actuación e situación comunicativas.
“Pedimos que se contemplen nesta ordenanza como que se inclúa o uso do galego nos contratos e concursos municipais, que se respecte en todos os traballos encargados polo concello a toponimia oficial en galego, que se marquen unhas horas mínimas de docencia en galego na escola infantil municipal ou que se valore o uso da lingua galega como criterio nas subvencións e axudas públicas”, explicou o voceiro nacionalista.
“Trátase de medidas recollidas no Plan de normalización lingüística galego, medidas en positivo, coas que pretendemos recuperar ámbitos e espazos para o galego en Miño e facer o posíbel para reverter a alarmante dinámica de perda de falantes no noso concello”, concluíu Alberte G. Nicolás.