O BNG pediu información no Pleno sobre a orixe dos verquidos que provocou os peches ao baño das praias de Perbes

Alberte G. Nicolás é o portavoz do BNG de Miño
Alberte G. Nicolás é o portavoz do BNG de Miño

Alberte G. Nicolás: “Trasladamos a situación ao Pleno municipal para que o goberno local explique as actuacións que se levaron a cabo para garantira a seguridade das bañistas e se se está levando unha investigación sobre a orixe dos verquidos para evitar que se sigan producindo”

O BNG pediu información no Pleno sobre a orixe dos verquidos que provocou os peches ao baño das praias de Perbes

Miño, 5 de outubro de 2023.- O BNG pediu información no Pleno sobre a orixe dos verquidos que provocou os peches ao baño das praias de Perbes. “O goberno local afirmou que estes verquidos eran puntuais, mais non deu información de cal foi a orixe dos mesmos nin de se se está investigando. Pedimos ao goberno que se tome en serio esta situación que pode provocar un grave problema de saúde pública e investigue a orixe dos verquidos para poñerlles solución”, explicou o portavoz do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás. 

“O pasado 8 de agosto foron publicados os resultados das mostras recollidas pola Dirección Xeral de Saúde o 2 de agosto. Eses resultados amosaban uns niveis alarmantes da bacteria E. Coli, os cales superaban os valores aconsellábeis para o baño nas praia de Andahío e Marín”, lembrou o voceiro nacionalista. “A veciñanza e as turistas foron coñecedoras deste feito pola prensa ou polas redes sociais, xa que o goberno municipal non tomou medidas preventivas para garantir a seguridade das bañistas nos propios areais antes de obter os resultados da segunda análise do estado das augas”.

“A Xunta de Galiza tardou case unha semana en trasladar os resultados das analíticas mantendo as praias abertas ao baño cando podía supoñer un problema grave de saúde pública. A competencia para controlar a calidade das augas da Ría é da Xunta de Galiza, e ten que exercela. Non podemos seguir sufrindo continuos verquidos sen consecuencia ningunha”, engadiu Alberte G. Nicolás. 

“Esta non foi a primeira vez que se da esta situación, en agosto de 2016 a praia tivo que pecharse ao baño por causas similares; nin tampouco a última, xa que o pasado 16 de setembro volvemos ver como se desaconsellaba o baño nos areais de Perbes”, indicou Alberte G. Nicolás. 

O BNG trasladou a situación ao Pleno municipal para que o goberno local explique as actuacións que se levaron a cabo para garantira a seguridade das bañistas e se se está levando unha investigación sobre a orixe dos verquidos para evitar que se sigan producindo. 

O BNG pediu información no Pleno sobre a orixe dos verquidos que provocou os peches ao baño das praias de Perbes